Rego pide a confianza do sector agro gandeiro para seguir a defender os seus intereses en Madrid 

“Exiximos que se adopten medidas para paliar as consecuencias da suba do gasóleo e dos insumos nas explotacións, o cumprimento da Lei de Cadea Alimentar para garantir que se cubran os custos de produción, así como a suspensión do Acordo UE Mercosur. O noso agro non pode máis”, sinalou Rego.

O deputado e cabeza  de lista do BNG por A Coruña, Néstor Rego, visitou este mediodía a explotación gandeira “Agrodafonte” no concello de Trazo, xunto co Portavoz municipal César Boquete e outras persoas candidatas e cargos orgánicos do BNG, para coñecer de primeira man os problemas que afectan ao sector agro gandeiro e trasladarlle o traballo realizado polo BNG nesta lexislatura para a defensa do sector. 

BNG reclama topes aos prezos do gasóleo 

Néstor Rego escoitou os problemas cos que se enfrentan as persoas gandeiras, sendo a suba dos prezos do gasóleo, así como do resto dos insumos, unhas das máximas preocupacións porque está a impactar de forma directa nos costes de produción. Ten consecuencias especialmente graves no caso das pequenas e medianas explotacións, chegando a comprometer, nalgúns casos, a súa viabilidade. 

Nesta materia, o deputado do BNG lembrou as diversas iniciativas presentadas polo BNG até días antes da convocatoria das eleccións para que o Goberno prorrogase e aumentase as axudas ao gasóleo, ademais de reclamar que se estabelecesen topes no prezo do gasóleo profesional de uso agrícola para garantir a estabilidade dos prezos. 

“Non só o gasóleo sobe, tamén os fertilizantes e os pensos”

“Somos conscientes de que as medidas contempladas son insuficientes e non compensa o tremendo incremento real dos custos que van máis alá dos combustíbeis. Hai que ter en conta que aumentaron os custos do resto de insumos como os fertilizantes, os pensos e outros”, aseverou. 

Néstor Rego fixo referencia tamén á demanda do BNG de que o Goberno garanta o cumprimento da Lei da Cadea Alimentar para garantir prezos xustos aos gandeiros e gandeiras que cubran o custe real da produción, estabelecer mecanismos que aseguren a igualdade de partes na negociación e permitir a fixación dos custos medios en base a estatísticas ou avaliacións de organismos públicos. “Non pode permitirse que as persoas gandeiras vendan os seus produtos cubrindo apenas os custos de produción mentres que a ganancia a levan os intermediarios e distribuidores. É un sistema inxusto. Os produtores non reciben unha remuneración xusta que vai sempre á baixa e, ao tempo, as persoas consumidoras teñen que pagar prezos que non deixan de subir” apunta o deputado Néstor Rego. 

Ademais, o deputado do BNG fixo tamén referencia aos criterios “discriminatorios para o agro galego” que seguiu o Ministerio de Agricultura para o pagamento das axudas extraordinarias destinadas a facilitar a compra de fertilizantes en base ao Real Decreto Lei 7/2026, de 20 de marzo, por mor da suba dos prezos dos combustíbeis e dos prezos das materias primas, pois empregou criterios que non teñen en conta os tipos de cultivos cando uns precisan máis fertilizantes que outros, “como é o caso do millo, un cultivo maioritario na Galiza”.  

“O Acordo UE-Mercosur debe suspenderse”

Néstor Rego aludiu a outra dos grandes problemas actuais para o sector agro gandeiro galego como é a aplicación do acordo Mercosur-UE, que ameza fundamentalmente ao sector da carne e do mel, pola entrada masiva de produtos a prezos moi inferiores e sen os controis que se exixen na Galiza. “Advertímolo no Congreso. Mentres o noso sector ten que pasar estritos controis sanitarios e está obrigado ao cumprimento das normas vixentes, os produtos se importan de Mercosur non. É unha competencia desleal en toda regra que tamén se nota nos prezos”, sinalou Rego.  

Néstor Rego comprometeuse a volver a exixir ao Goberno do Estado que mude a súa posición sobre este Acordo para que se suspenda e asuma unha posición de defensa dos nosos intereses agro gandeiros. Neste tema criticou ao bipartidismo, “tanto monta, monta tanto, PP e PSOE, porque están dacordo”. Finalmente, o actual cabeza de lista pola Coruña apelou a “dar toda a confianza ao BNG o próximo 29N para ter máis forza na defensa dos intereses do sector agro gandeiro galego en Madrid e poder ser a súa voz”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios