Un combativo Rosalía conseguiu a menor diferenza en contra da temporada.
Chegaba a Betanzos o pechacancelas do grupo AB da Tercera FEB, o Ulla Oil Rosalía, e o Ineltrón Santo Domingo non deixou escapar a ocasión de volverse atopar coa vitoria. O partido non foi tan doado como era de esperar -por algo o rival conseguiu a menor diferenza en contra da temporada- aínda que en ningún momento deu a sensación de que a vitoria puidese escapar da casa.
Rematou o 1Q cun 20-15 que facía xustiza ao visto na pista (cun Ulla Oil seguindo o alto ritmo que quixo impoñer o Santo Domingo) e chegou o descanso cun 47-33 que xa indicaba o que se podía esperar. Porén, cando na bancada xa se esperaban os 30 puntos de avantaxe, os composteláns, aferrados ao xogo exterior (Hugo Mallou conseguiu un 7/11 en triplas), conseguían reducir as diferenzas a parámetros máis axustados ao que viñan buscar a Betanzos: unha derrota lonxe dos 51 puntos de desvantaxe que sufriron a semana pasada na casa fronte a Mieres ou os 57 encaixados contra Xiria.
No Santo, que quixo dar minutos a toda a rotación, destacaron os 18 puntos do júnior Arón Espiñeira, os 30 de valoración de Abelleira (15 puntos, 5 rebotes e 8 asistencias) ou os 13 dun Pablo Ríos que soubo espremer ao máximo os seus minutos na pista. Así valoraba o encontro José Amando Pena “Soviético”: “Vitoria importante, na que participaron os 12 xogadores convocados. A pesar de non ter moito acerto no tiro exterior e non estar moi agresivos na defensa do 1×1, puidemos impoñernos con claridade no marcador”.
Con esta vitoria o equipo betanceiro sitúase no 11o posto da clasificación, posto que marca o primeiro descenso, pero empatado co Mieres e co Avenida Salamanca, 9o e 10o respectivamente. Próxima cita, viaxe a León, o vindeiro sábado, para se medir ao RDL.