A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña anunciou hoxe o seu respaldo firme á folga xeral convocada para o vindeiro martes, 11 de novembro, e fai un chamamento a toda a veciñanza da comarca para secundar o paro e sumarse ás manifestacións previstas.
Desde a entidade consideran fundamental apoiar esta movilización social e laboral para esixir a recuperación do poder adquisitivo, a mellora das condicións laborais e o acceso a unha vivenda digna. Con todo, o colectivo fai especial fincapé en que non pode existir xustiza social nin calidade de vida sen uns servizos públicos fortes e, moi especialmente, sen un sistema sanitario público de calidade.
Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario, sinala que «a sanidade pública é a nosa principal garantía de igualdade e benestar. Non podemos permitir que o deterioro dos servizos esenciais continúe mentres se precarizan as condicións de vida das traballadoras e traballadores».
Por todo iso, a Plataforma insta á poboación da comarca a secundar a folga xeral nos seus respectivos centros de traballo e a participar de forma masiva nas concentracións e manifestacións que se celebrarán ao longo da xornada nas prazas e rúas de A Mariña.