Ameijide: “Vemos que a coherencia, a solidariedade e a verdade non son os fortes da Presidenta, xa que anuncia trato igualitario aos concellos mentres xa tiña urdida está manobra para aprobar este convenio, cuxa solicitude fora rexistrada o 20 de outubro”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian que a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, non foi o pasado luns ao Parlamento de Galicia a presentar os orzamentos provinciais para 2027 nin a defender os intereses dos lucenses, “senón a intentar enganar cun discurso totalmente actuado”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que “mentres o luns Carmela López reclamaba un reparto obxectivo e xusto dos recursos públicos, uns días máis tarde, o venres, presidiu a xunta de goberno provincial na que aprobou o primeiro convenio de cara ao próximo ano, 273.600,76€ euros para o Concello de Burela. Un convenio no que ela mesma asina para entregar e recibir os cartos”, subliña.
En concreto, o acordo entre a Deputación e o Concello de Burela ascende a 273.600,73€, financiados integramente con fondos provinciais. Trátase do primeiro convenio aprobado para 2027 e constitúe “unha mostra moi clara do sectarismo co que PSOE e BNG están a xestionar a institución provincial dende hai anos e da súa falta de coherencia á hora de falar de igualdade de oportunidades para todos os municipios”.
Antonio Ameijide desvela que “o máis grave” é que Carmela López xa coñecía perfectamente a existencia deste convenio cando compareceu o luns no Parlamento de Galicia para reclamar “ese reparto obxectivo dos recursos”. “Ela mesma, en nome do Concello de Burela, rexistrou a petición de convenio o pasado 20 de outubro. Polo tanto, cando defendía publicamente uns criterios de igualdade e obxectividade, xa sabía que tiña sobre a mesa un convenio destas características que acabaría aprobando hoxe na Xunta de Goberno que ela mesma preside”.
Ameijide engade que “vemos que a coherencia, a solidariedade e a verdade non son os fortes da presidenta xa que anuncia trato igualitario aos concellos mentres xa tiña urdida está manobra para aprobar este convenio, cuxa solicitude fora rexistrada o 20 de outubro”.
Deste xeito, Carmela López, o PSOE e o BNG inauguran os orzamentos provinciais de 2027 cunha decisión que retrata perfectamente a súa forma de entender a política: “discursos de igualdade e obxectividade cando falan de cara á cidadanía, pero a porta pechada e sen transparencia se reparten convenios millonarios a dedo”.Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen que os fondos da Deputación deben repartise en base a criterios transparentes, obxectivos e igualitarios para todos os municipios, independentemente de cor política que os goberne.