Ameijide pon a Airas Moniz como “o exemplo perfecto” de como dende o rural de Lugo se pode crear unha empresa punteira a nivel mundial

Os deputados provinciais da man do alcalde de Chantada coñeceron o funcionamento desta queixería que elevou os seus produtos ata as cociñas dos chefs máis importantes “sen descoidar o máis importante, a excelencia e a calidade dos seus produtos impregnados da máis pura esencia do rural lucense”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular visitaron a queixería Airas Moniz, en Chantada, unha empresa de referencia dentro do sector e na que están a demostrar que “dende o rural da provincia de Lugo poden poñerse en marcha iniciativas punteiras a nivel mundial, sen descoidar o máis importante, a esencia do que somos na provincia”.

Os deputados populares Antonio Ameijide, Luis Fernández, Héctor Corujo, Jesús Núñez,  Clemente Iglesias e José María Fernández, xunto ao alcalde de Chantada, Manuel Varela, comprobaron de primeira man como se elaboran os produtos desta empresa local, dende o trato ás vacas, ata o último detalle, o empaquetado.

Antonio Ameijide destacou como Airas Moniz consolidouse como un dos proxectos máis innovadores da provincia e de Galicia a través da idea de recuperar a esencia do leite cru, “demostrando que a tradición e a vangarda poden camiñar da man”.

O gran elemento diferenciador de Airas Moniz reside na aposta pola calidade da materia prima,empregando exclusivamente leite cru procedente do seu propio rabaño de vacas, que pasta en total liberdade durante todo o ano. “Este modelo de pastoreo sostible e de máximo respecto polo benestar animal dita o ritmo da produción e dota ao leite duns matices únicos, cunha porcentaxe de graxa e proteína óptima que resulta clave para a personalidade inconfundible dos seus queixos”, salientou.

Entre o abanico de produtos destacan elaboracións que forman parte das elaboracións dos chefs máis importantes, como é o caso de ‘Terra’, un queixo de codia lavada con moito carácter, pero por enriba de todos destaca ‘Savel’, un queixo azul, recoñecido en numerosos certames como un dos mellores do mundo.

Antonio Ameijide destaca que Airas Moniz “é un gran exemplo, non só pola súa actividade que pon en valor a economía local e o sector primario, senón por demostrar que dende unha pequena parroquia de Chantada se pode liderar o sector gourmet internacional sen perder a identidade”. 

“Estes queixos son unha referencia e aposta constante para os grandes cociñeiros, ademais de ter presenza nos eventos gourmet e de luxo de xeito habitual. E todo feito dende Chantada. Porque si se pode chegar moi lonxe dende o rural e esta é unha proba”, conclúe o portavoz popular.

Comparte éste artículo
No hay comentarios