Iria Taibo pìde máis coordinación nos transbordos cos autobuses urbano e adaptar as liñas e as paradas ás necesidades reais das persoas usuarias.
A deputada do BNG pola comarca da Coruña Iria Taibo vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa na que denuncia que a apertura da nova estación intermodal está complicando aínda máis o transporte en autobús nos concellos da área metropolitana, polo que empraza á Xunta a revisar a adaptación nas liñas para mellorar o servizo ás usuarias e usuarios.
“O caos que se está a vivir nos últimos días no transporte metropolitano por autobús debido aos cambios producidos pola nova estación intermodal demostra a urxencia de acometer cambios no propio deseño das liñas”, afirma a deputada, para quen a apertura da nova infraestrutura debería ser unha oportunidade para revisar as liñas e todo o servizo, co fin de potenciar e corrixir as súas eivas, como a falta de reforzos en horas punta, percorridos que non se adaptan as necesidades dos e das usuarias ou horarios que non se cumpren.
Porén, “o Goberno do PP volve mostrar a súa ineficacia na xestión do servizo de transporte por autobús nesta comarca e a súa falta de interese por este servizo”, sostén Taibo, advertindo que as novidades anunciadas tras a apertura da intermodal “complican e limitan aínda máis os traslados”. “O PP pensa máis nos beneficios das empresas que nas persoas usuarias”, engade.
Máis polo miúdo, a deputada nacionalista critica que unha parte dos autobuses deixan de parar na Costa da Palloza e que a reorganización nos xardíns afastou a parada do centro da cidade desta outra. “Algúns servizos perden as paradas próximas á intermodal na Rolda de Outeiro”, engade, para subliñar a necesidade de acometer axustes en relación cos transbordos co autobús urbano.
Facéndose eco das queixas das persoas usuarias do transporte por estrada, Taibo lamenta que a falta de información está obrigando á xente a acudir ás paradas con máis antelación da normal porque non teñen a seguridade de que servizos manteñen as paradas e cales non.
“O último que precisa este servizo xa precario é máis inestabilidade e non solucións intermedias”, salienta, para referirse ademais á falta de condicións mínimas nalgunhas paradas provisionais, como ocorre coa do CHUAC.
Na iniciativa rexistrada, a deputada do BNG pídelle o PP na Xunta que revise as adaptacións do servizo de transporte metropolitano derivadas da posta en marcha da estación intermodal, co obxectivo de facilitar o uso do servizo por parte da cidadanía, “achegando paradas aos movementos máis habituais das persoas e coordinando os servizos cos do transporte urbano”.
Así mesmo, o Bloque demanda o Goberno do PP que revise os contratos de transporte metropolitano en vigor para adaptalos ás necesidades reais das persoas usuarias