Nunha liga tola, o Deportivo caeu contra o Valencia en Riazor. O pechacancelas, que até había dúas xornadas non sumara puntos, acumula dous triunfos consecutivos. Ante o Deportivo non debería darse se as locais aproveitaran o seu completo dominio no primeiro tempo, no que estragaron moitas ocasións, incluído un penalti que Olaya mandou ao pau. No segundo tempo comezou a notarse a falta de Apóstol, expulsada ao cuarto de hora de xogo, e os aportes de Wifi nunha zona que as herculinas deixaran baleira. As dúas únicas goleadoras do Valencia no que vai de liga, Marcano e Slack, fixeron os tantos visitantes.
Superioridade con dez e errando un penalti
A choiva comezou a caer en Riazor mollando o minuto de respecto pola memoria do tinerfeñista Jesús de Miguel. Logo, nos tres primeiros minutos de partido, pequenos paróns para que recuperaran de golpes recibidos até tres protagonistas. No medio deles, Vega acariñou o traveseiro cun disparo afastado, e volvería a repetilo no sétimo minuto.
Dous más tarde, con música e imaxes, parouse o partido para reiterar o respecto ao 9 desaparecido co bater de palmas das protagonistas e do público.
A todo isto, o Deportivo recibía ao lanterna vermella, Valencia, que viña de gañar o seu primeiro partido ante un Eibar en pequena crise, e malia que xa anunciara como técnico ao sampaulino Lucas Piccinato, mantivo a súa interinidade Nando Felipo.
O Deportivo tivo o control do partido malia ficar con dez por unha pisada de Apóstol a unha rival ao cuarto de hora. Lucía Pardo pasou á dereita e Ainoa Gómez á esquerda. Alberto Rodríguez prescindiu dun enganche que non precisaba. O Valencia, en accións individuais, que se volveron longas e acabaron sendo colectivas, achegouse á área de Andrea superado o cuarto de xogo. A meta voltaba ao equipo superada a lesión da terceira xornada contra o R. Madrid.
Malia todo, no minuto 28, quen debeu andar esperta foi a francesa Pinguet, que puxo o corpo para rexeitar dúas veces un disparo na área de Ainoa Gómez e o seguinte de Marisa. A ex do Saint-Étienne repetía despexe noutro tiro de Vega á media hora e, tras o saque desde o recanto, un máis na cabezada picada de Marisa a centro de Vega. As locais mantiveron a tensión sobre o marco valencianista cun disparo de Ainoa Gómez salvado por Pinguet a unha man a rentes do traveseiro.
A meta gala volveu negarlle o gol a Ainoa Gómez noutro disparo desde fóra da área da deportivista. Posicionalmente o cadro galego asfixiaba ao levantino. Só faltaba o gol porque tamén creaba ocasións pola esquerda. No minuto 39, Vega superou cun drible a Nazareth, entrou na área e cruzou demasiado o xute. No 42, Pinguet, no centro do arco, chapou a cabezada de Marisa a centro de Lucía Pardo e, abeirando o prolongamento, Lena Pérez agarrou a Marisa na frontal da área pequena. Olaya lanzou o penalti, pero estourou a pelota contra a cepa do poste estragando o ocasión máis clara do primeiro tempo.
Wifi muda o partido
O Valencia posicionouse mellor no segundo tempo. A entrada de Wifi diante e de Mascarell atrás deron más solidez ao seu xogo. O partido equilibrouse. Cando se cumpria a hora de xogo, un xute de Wifi desde fóra da área foi despexado por Andrea, o rebote colleuno Marcano, que entrou con potencia ao balón dividido coa meta local e conseguiu marcar deixando a Andrea doente. A árbitra validou o gol.
O Deportivo descompúxose e Alberto Rodríguez quixo retomar o control coa entrada de Castiñeyras e Lucía Rivas. Todo o que non lle entrara ás locais entráballe ao Valencia, que tras un desvío de Andrea a disparo de Cárol, anotou o segundo gañando o remate no saque de esquina. Ninguén da defensa tapara a cabezada cruzada de Slack na perpendicular do primeiro pau. Marcano e Slack, as únicas que marcaran goles para o Valencia, ademais de dous sumados en propia porta, facíano xuntas en Riazor.
Pouco despois, Andrea salvou o terceiro ao sacarlle o disparo alto a Mascarell. Xa non estaba Lucía Pardo e Olaya perdera a relación coa pelota
Un segundo tempo que non debería ter historia, se o Deportivo anotara algunhas das ocasións que tivo no primeiro, supuña a quinta derrota branca e azul. Os sete minutos de prolongamento non aportaron opcións baixo a persistente choiva que diluíu o favoritismo local.
O seguinte, o dobre enfrontamento deportivista barcelonés, na Copa, no barrio de Gracia, o xoves contra o Europa, e na liga, o domingo, contra o todopoderoso Barcelona en Riazor.
Ficha
LUNS 09/11/2026 (21,00) Campo: RIAZOR (416)
R.C.D. A CORUÑA : 0 – VALENCIA C.F. :2 (0‑0)
COR : Andrea; Caracas (Castiñeyras 68’), Ranera, Elena, Vega; Apóstol, Olaya, Redru (Domínguez 79’), Ainoa Gómez (Paula Hernández 79’), Lucía Pardo (Lucía Rivas 68’); Marisa (Karla 74’). Tre. Alberto Rodríguez. (Banco: Antía Veiga (g); Paula Novo; Paula Monteagudo; Eva; Domínguez; Paula Hernández; Laurita; Daniela; Antía Mayo).
VAL : Pinguet; Débora (Mascarell D), Nazareth, Lena Pérez, Pauleta (Esther 83’); Tamarit, Slack, Marcano (Morató 89’), Cárol (Mbadi 83’), Elloh; Prat (Wifi D). Tre. Nando Felipo. (Banco: Marina (g); Marchena).
Goles: 0-1 Marcano 60’; 0-2 Slack 75‘.
Árbitra: Acevedo Dudley (Cataluña). Auxiliares: Martínez Moreno e Molina Quílez. 4ª árb.: Sánchez García.
Disciplina: CA: Lena Pérez 43’; Tamarit 55’; Marisa 61’; Nazareth 70’; Wifi 78’ / Alberto Rodríguez (tre. COR) 60’ // VD: Apóstol 15.
NOTAS: 43’ Olaya lanza un penalti ao poste.