O PP lucense considera “fundamental” reducir a burocracia para apoiar ao sector primario 

Francisco Conde asegura que Alberto Núñez Feijóo “coñece ben Galicia, a nosa provincia e o noso sector primario” e aposta por “contribuír a xerar oportunidades reducindo a carga administrativa”.

O nº1 ao Congreso do Partido Popular por Lugo, Francisco Conde, asegurou que “é fundamental reducir os impostos e a burocracia para impulsar o sector primario” durante unha visita á SAT Ladeira e Ladeiravi, no Páramo, acompañado por integrantes da candidatura do PP lucense ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro e concelleiras do equipo de goberno no municipio.

Conde destacou o papel do sector primario como “fonte de oportunidades” para “xerar valor e asentar poboación no rural”. Neste sentido, incidiu en que “se queremos xerar oportunidades no noso rural, temos que favorecer o asentamento de novas iniciativas da man de emprendedores que queiran iniciar un proxecto no rural. E tamén aliviar o traballo dos agricultores e gandeiros que xa están a vivir nos nosos concellos “evitando que teñan que cubrir tantos papeis para que se poidan centrar na súa actividade”.

O candidato popular subliñou o compromiso do Partido Popular co impulso do sector primario e lembrou algunhas medidas propostas por Alberto Núñez Feijóo para reducir a burocracia como a revisión da normativa para que non haxa que facer novos trámites ou presentar dúas veces a mesma documentación. Así mesmo, defendeu a aplicación de incentivos fiscais adaptados ao ciclo produtivo, dirixidos ao fomento do emprendemento e a favorecer a remuda xeracional.

 

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo asegura que Alberto Núñez Feijóo “coñece ben Galicia, a nosa provincia e o noso sector primario”. Entre as súas medidas para favorecer o asentamento da poboación no rural atópanse: impostos cero para adquirir unha vivenda en municipios despoboados, incentivos para fomentar o emprendemento e apoiar a remuda xeracional a través dunha axuda directa para a incorporación de mozos ao rural, redución do 50% do IRPF durante os dous primeiros anos de actividade, período para o que Feijóo propón unha cota de autónomos de 50 euros para menores de 40 anos que tamén se verían beneficiados da exención de impostos de transmisión.

 

SAT LADEIRA E LADEIRAVI

Conde puxo en valor os proxectos do grupo Ladeira que xestionan dende San Vicente de Gondrame, no Páramo, unha explotación láctea -das máis de 2.000 lucenses- e outra avícola -das 250 industriais que rexistra a provincia-.

Concretamente, a SAT Ladeira nacía no ano 2005 da unión de tres socios que pretendían mellorar a súa calidade de vida. Foron pioneiros en Galicia na instalación de robots de ordeño e na actualidade contan con 240 vacas que producen arredor de 9.000 litros diarios. No ano 2020 apostaron por diversificar a produción e, da man das súas mulleres, nacía Ladeiravi que, na actualidade, conta con 40.000 galiñas e un robot para o envasado dos arredor de 38.000 ovos campeiros que producen ao día.

O candidato popular ao Congreso puxo á SAT Ladeira e Ladeiravi como “exemplo de emprendemento dende o rural, diversificación da produción e de aplicación da innovación ao sector lácteo e avícola”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios