O Talentiño Solidario enche o Centro Cívico de Canido e recada 518,30 euros contra o cancro

Gañadores e finalistas do certame compartiron escenario nunha gala presentada por Rebeca Collado e Joaquín Enríquez, que contou tamén cunha actuación conxunta de Marcos Mella e Xabier Vizcaíno.

O salón de actos do Centro Cívico de Canido encheuse este domingo, 8 de novembro, con motivo da celebración de O Talentiño Solidario, unha edición especial do Certame de novos talentos, que reuniu música, danza e maxia para apoiar a loita contra o cancro. O festival recadou un total de 518,30 euros, que se entregarán nas vindeiras semanas á Asociación Española Contra o Cancro e a ASARGA, esta última entidade centrada no apoio ás persoas afectadas por un tipo de cancro como son os sarcomas.

A gala, conducida pola xornalista Rebeca Collado e polo cofundador de O Talentiño Joaquín Enríquez, comezou coa canción «Queda moita vida», de Lucía Pérez, un tema convertido en himno de esperanza e apoio na loita contra o cancro. A súa elección como música de apertura conectou a música coa finalidade solidaria do encontro.

Sobre o escenario participaron Julia Pérez Crespo, gañadora de Danza Lírica de O Talentiño 2025; Sofía Hernández e Antía Barona, gañadoras de Vocalistas en 2025 e 2026, respectivamente; Meigo Simón, gañador de Variedades de 2025; e as finalistas de Vocalistas Nuria Cornide e Sabela Castro. A representación instrumental chegou da man de Paula Seoane, ao piano, gañadora de Instrumentistas de 2025, e de Xiana Ruiz, á arpa, finalista desa mesma edición.

O festival contou tamén coa participación de Marcos Mella, primeiro artista convidado da primeira edición de O Talentiño, e do cofundador Xabier Vizcaíno, que ofreceron unha actuación conxunta. O encontro rematou co Himno do Talentiño, interpretado por Lucía Pérez e por tódolos artistas que participaron no festival.

Entre as persoas asistentes estiveron a vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social, Ana Ares; o concelleiro de Xuventude, Arán López; Nerea Purriños, en representación de Ferrol en Común; e Rafael Fernández Beceiro e Julián Reina, do PSdeG-PSOE.

A recadación obtívose a través das rifas dos sorteos, das pulseiras de O Talentiño Solidario e dos broches solidarios. Durante a gala sorteáronse unha cesta da Froitería Víctor de Canido, varios cadros, pezas de artesanía, unha camiseta asinada polas xogadoras do BAXI, discos dos fundadores de O Talentiño Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno e Joaquín Enríquez, así como produtos doados pola firma Toquetería.

Desde a organización agradecen a resposta do público, que encheu o salón de actos, e a implicación dos artistas, dos comercios, das entidades colaboradoras e das persoas particulares que contribuíron cos seus donativos e agasallos. A celebración amosou a capacidade da cultura para reunir a veciñanza arredor dunha causa compartida e apoiar as persoas afectadas polo cancro e as súas familias.

Comparte éste artículo
No hay comentarios