O Grupo Municipal Socialista de Arteixo critica a pasividade do goberno local ante os graves problemas do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF), mentres sanciona con celeridade a outra empresa por cuestións menores.
O voceiro socialista, Martín Seco, denuncia que «decenas de usuarios e usuarias levan días sen recibir a atención básica á que teñen dereito, sen que o Concello mova ficha». O PSdeG-PSOE sinala directamente á empresa concesionaria da zona norte, Osventos, como responsable dos problemas.
O grupo socialista acusa a concelleira de Servizos Sociais de mentir no pleno ao afirmar que o contrato só esixe unha coordinadora para o servizo, cando o prego de condicións especifica dúas. «É gravísimo que, en lugar de defender aos usuarios, a concelleira xustifique a empresa cunha mentira», afirma Seco.
Ademais, os socialistas expresan a súa «sorpresa» ante as informacións que apuntan a que a familia do alcalde estaría a recibir un servizo personalizado e continuo, mentres outras persoas maiores quedan sen atención, o que podería explicar a actitude permisiva do goberno local con Osventos.
Martín Seco remata esixindo ao alcalde que «deixe de agocharse, dea a cara e actúe con firmeza fronte á empresa Osventos». O PSdeG-PSOE rexeita que se culpe a outras administracións e subliña que o problema non é de falta de financiamento, senón de «falta de xestión» por parte do goberno.