Son Galaico publica o 27 de novembro “Lendaira”, o seu álbum debut

O disco, producido por Iago Pico e que conta coa participación do actor Carlos Blanco ou dos humoristas Pepe y Lucas, parte das tradicións galega, irlandesa, escocesa e bretoa e incorpora elementos do pop rock, o country e a música electrónica.

Descubre más noticias musicales como ésta

Son Galaico, o dúo formado por Aarón Pérez Pardiñas (voz e guitarra) e Hugo Sanjiao Varela (gaita e whistle), publicará o venres 27 de novembro Lendaira, o seu primeiro álbum. O disco, producido por Iago Pico, estará dispoñible en todas as plataformas dixitais a partir desa data e a banda presentarao en directo o xoves 3 de decembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Lendaira é un traballo conceptual no que cada canción é un capítulo dunha mesma historia. Abre coa voz dun druída que presenta Lendaira, un mundo onde cobran vida os mitos e as lendas do folclore. Os dous músicos percorren as nacións celtas na procura de sete pedras, cruzan un portal e coñecen ó heroe Breogán, que lles encarga cantar as súas fazañas. Polo camiño aparecen sereas, meigas, mouros e lobishomes, mentres unha axencia secreta lles segue o rastro. “A verdadeira maxia deste disco é que todas as cancións están conectadas, coma se foran capítulos dunha novela de fantasía”, explican Aarón e Hugo.

Musicalmente, o álbum parte das tradicións galega, irlandesa, escocesa e bretoa e incorpora elementos do pop rock, o country e a música electrónica. A produción é do músico Iago Pico, produtor dos dous últimos discos de Tanxugueiras (Diluvio, O Cuarto), quen realizou ademais a gravación e o máster en Pouland Studios.

Todas as cancións están compostas por Aarón Pérez e Hugo Sanjiao, que para a súa interpretación no álbum contaron coa colaboración das violinistas María Sánchez (Carlos Núñez), Mira Wöllenstein e Iria Seoane, Migui Ocampo no bodhrán e as Cantareiras Aldomir nos coros. O actor Carlos Blanco, quen protagoniza o videoclip do primeiro adianto (Kallaikoi), participa tamén dun xeito especial no álbum, ao igual que o dúo humorístico Pepe y Lucas; mentres que o cómico David Perdomo interpreta a Breogán no video de Benvidos a Lendaira. 

A presentación de ao vivo de Lendaira chegará unha semana despois da saída do álbum nas plataformas dixitais: a cita será será o xoves 3 de decembro ás 20:30 horas na Sala Capitol. O dúo levará ao directo o universo do disco acompañado dunha banda de músicos e da colaboración de Iago Pico e Miguel Ocampo. 

Son Galaico

Son Galaico naceu hai pouco máis dun ano, cando Aarón Pérez Pardiñas(Culleredo, A Coruña) regresou a Galicia tras unha etapa laboral fóra e se uniu a Hugo Sanjiao Varela (Santiago de Compostela). Os seus vídeos de folk gravados en paisaxes galegas suman hoxe máis de 100.000 seguidores en redes sociais, preto de 60.000 en Instagram e máis de 53.000 en TikTok, cun público maioritariamente novo. En maio esgotaron as entradas de dúas datas consecutivas na Casa das Crechas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios