A Fronte Ampla participou de forma activa nas mobilizacións convocadas este 11 de novembro en Vigo e en todo o país con motivo da folga xeral. A organización ecoloxista e progresista saiou á rúa en defensa dos dereitos da clase traballadora, do poder adquisitivo e para plantar cara ao deterioro das condicións materiais de vida da maioría social.
O portavoz de campaña e candidato ao Senado, Paulo Carlos López, trasladou o respaldo total da candidatura ás organizacións sindicais e a todas as persoas traballadoras que secundan o paro.
A emerxencia habitacional no centro da protesta
Durante a xornada, López lembrou que a convocatoria ten tamén un eixo fundamental na defensa do dereito á vivenda, lembrando especialmente a Mari Carmen, convertida xa nun símbolo da crise habitacional e do sofrimento de miles de familias. «Estamos aquí por moitas cousas, pero sobre todo estamos aquí por Mari Carmen», subliñou, incidindo en que a especulación inmobiliaria esixe respostas políticas firmes e afasta a resignación.
O representante da Fronte Ampla cargou duramente contra a xestión dos gobernos autonómicos do Partido Popular, aos que responsabilizou do colapso no mercado inmobiliario, e criticou a súa reacción ante as protestas: «Estamos vendo como ameazan os sindicatos por saír á folga e como lle din á clase traballadora que non debe mobilizarse. Nós chamamos ás mobilizacións, chamamos á folga, como non podía ser doutra forma».
Alternativas habitacionais e chamamento ao 29N
Fronte aos modelos especulativos, López puxo sobre a mesa medidas urxentes e concretas:
- Intervención directa sobre as vivendas de uso turístico.
- Prorroga de contratos de alugueiro e limitación de prezos.
- Incremento masivo da oferta de vivenda de promoción pública.
Tras agradecer o esforzo sostido durante semanas aos sindicatos de clase e ao Sindicato de Inquilinas, o portavoz concluíu facendo un chamamento a trasladar a loita social ás urnas: «O 11 de novembro estamos nas rúas e o 29 de novembro imos encher as urnas de votos progresistas e de votos pola vivenda».