A CGT da Coruña salienta o importante e masivo seguimento da xornada de folga xeral celebrada hoxe na cidade en favor do dereito á vivenda e duns salarios dignos. Dende a madrugada e durante toda a mañá, a militancia do sindicato —en colaboración con outras organizacións sociais e veciñais— despregou piquetes informativos en polígonos industriais, centros de traballo e rúas coruñesas para paralizar a produción e o consumo.
Impacto desigual por sectores e tensión policial
O paro tivo un incidencia moi destacada en determinados ámbitos laborais, aínda que cun seguimento desigual debido ás circunstancias de cada sector:
- Polígonos industriais: Un dos espazos cun impacto máis salientable na paralización da actividade.
- Telemarketing: Con preto da metade dos cadros de persoal secundando o paro.
- Ensino: Con especial incidencia nos niveis de secundaria e no ámbito universitario.
- Correos: Con unidades que alcanzaron o 100% de seguimento.
Pola contra, o seguimento veuse limitado nos sectores afectados pola imposición de servizos mínimos abusivos ditados pola Xunta de Galicia, como a sanidade, a atención á dependencia, a axuda no fogar, a recollida de lixo e limpeza viaria ou o transporte. Neste último sector, a xornada estivo marcada pola tensión tras rexistrarse cargas policiais e a identificación indiscriminada de participantes nas cocheiras da Compañía de Tranvías e en varias rúas da cidade.
Unidade de acción e chamamento á manifestación da tarde
Dende a organización sindical lembran que o local da CGT permaneceu aberto dende as 8:30 horas para ofrecer apoio xurídico e asistencia aos folguistas e traballadores cuxo dereito a secundar o paro puidese verse ameazado.
Ante o éxito da convocatoria da mañána, a CGT da Coruña reitera o seu chamamento a toda a veciñanza para unirse á manifestación unitaria que partirá ás 18:00 horas dende o cruce da Ronda de Outeiro coa avenida de Fisterra, na que o sindicato participará cun bloque propio e combativo.