Comisións Obreiras critica que o Partido Popular asuma postulados da extrema dereita
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia condena o ataque cometido onte no serán contra a sede de UGT en Vigo e mostra o seu total apoio e solidariedade con esta organización sindical. Lamentamos que este incidente intolerable marcase o tramo final dunha xornada de folga xeral que foi un rotundo éxito e que amosou unha maioría social a prol das reivindicacións enunciadas na convocatoria.
Comisións Obreiras alerta do clima de odio antisindical que se está xerando desde a dereita e a ultradereita españolas e que se pode observar acotío en declaracións públicas e nas redes sociais. Observa con preocupación, ademais, como o PP asume postulados que antes só defendían os reaccionarios máis extremistas. Esta xeración de odio cara a organización das persoas traballadoras, intolerable nun Estado democrático, está no ADN dun partido herdeiro do franquismo como Vox. Que agora a dereita supostamente moderada faga súas esas posicións é motivo dunha enorme preocupación para CCOO.
Cómpre lembrar que os sindicatos desempeñaron un papel imprescindible no nacemento das liberdades no Estado español e que sen o seu empuxe non sería posible a chegada da democracia. Ademais, nas últimas décadas contribuíron a melloras sociais que non se entenderían sen a súa forza non centros de traballo e nas rúas, e nesa liña seguen, como se demostrou onte. Mentres tanto, o papel de PP e Vox redúcese a favorecer os privilexiados, a xerar odio e a dividir a sociedade.