A Xunta de Goberno Local aprobou por unanimidade a concesión da licenza para a construción da nova infraestrutura sanitaria, que contará cun investimento previsto de 9,48 millóns de euros.
O Concello de Noia deu un novo paso para facer realidade o futuro centro de saúde da vila. A Xunta de Goberno Local, celebrada o pasado venres 6 de novembro, aprobou por unanimidade a licenza urbanística solicitada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a construción desta nova infraestrutura sanitaria.
O proxecto contempla a construción dun edificio situado no Bulevar dos Tamara, número 4, que contará cunha planta baixa e catro andares, cun orzamento de execución material de 9.485.000 euros.
A licenza aprobada establece un prazo de seis meses para o inicio das obras e de tres anos para a súa finalización, de acordo coas condicións recollidas no expediente urbanístico.
Unha tramitación municipal resolta en apenas dez días
Desde o Goberno municipal quérese destacar especialmente a rapidez coa que se resolveu o expediente, así como o traballo desenvolvido polo Servizo Municipal de Urbanismo, que permitiu completar os informes técnicos e xurídicos favorables e elevar a proposta á Xunta de Goberno Local en apenas dez días desde a presentación da documentación complementaria por parte do Sergas.
O alcalde de Noia, Francisco Pérez, destacou a importancia deste acordo para o futuro sanitario do municipio. «A aprobación desta licenza é un paso importante para que o novo centro de saúde sexa unha realidade.Desde o Concello puxemos todos os medios ao noso alcance para axilizar a tramitación e seguiremos colaborando coa Xunta de Galicia para que as obras poidan comezar canto antes».
Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde, Manolo Seijas, quixo poñer en valor o traballo realizado polos empregados municipais. «Quero agradecer especialmente o esforzo e a implicación do persoal do Servizo de Urbanismo, que traballou con rapidez para sacar adiante un expediente desta importancia. O Concello cumpriu coa súa parte e seguiremos traballando para facilitar que este proxecto avance sen demoras», sinalou.
Pendentes dos últimos trámites para o inicio das obras
Tras a aprobación da licenza urbanística, o Sergas deberá presentar o proxecto de execución e completar a documentación técnica requirida para obter a correspondente autorización municipal de inicio das obras.
O Goberno local reitera a súa disposición a manter a colaboración coa administración autonómica e a facilitar, dentro das competencias municipais, todos os trámites necesarios para que a construción do novo centro de saúde de Noia poida iniciarse canto antes.