UFEDEGA lanza “AQUÍ FALTAS TI”, unha campaña para atraer novos deportistas ás 59 federacións galegas

Do 12 ao 18 de novembro, as redes sociais da Unión de Federacións Deportivas Galegas presentan cada día un bloque de modalidades e convidan a cidadanía a dar o primeiro paso no deporte federado.

A Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) estrea hoxe «AQUÍ FALTAS TI», unha campaña en redes sociais que pon o foco nas 59 federacións deportivas galegas. O obxectivo é que calquera persoa, sexa cal sexa a súa idade ou nivel, atope unha modalidade á súa medida e saiba como empezar. A campaña está patrocinada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

A campaña arrinca cun vídeo de presentación que percorre todas as modalidades federadas a través de imaxes de deportistas galegos e galegas. Nel aparecen referentes como a baloncestista Blanca Millán, a futbolista Teresa Abelleira, a xogadora de balonmán Alicia Fernández, a saltadora Ana Peleteiro, a regatista Támara Echegoyen, a piragüista Antía Jácome e o piloto de motocross Jorge Prado. Xunto a eles, outros nomes do deporte galego como o xadrecista Iván Salgado, o tenista Martín de la Puente, o golfista Santiago Tarrío ou a judoca Laura Martínez Abelenda.

A mensaxe é directa: no deporte federado galego hai sitio para todas as persoas. Cada peza remite a ufedega.gal/federacions, onde se poden consultar os datos de contacto de cada federación.

Durante sete días, as redes de UFEDEGA publican unha peza principal por bloque temático e unha story por cada federación, co seu logotipo:

DíaBloqueModalidades
Xoves 12Deportes de equipoBaloncesto, balonmán, béisbol e sofbol, fútbol, hóckey, rugby e voleibol
Venres 13Deportes de augaActividades subacuáticas, esquí náutico, motonáutica, natación, piragüismo, remo, salvamento e socorrismo, surf e vela
Sábado 14Raqueta, precisión e estratexiaBádminton, billar, bolos, deporte autóctono, golf, pádel, pelota, petanca, squash, tenis, tenis de mesa, tiro ao voo, tiro con arco, tiro olímpico e xadrez
Domingo 15Contacto e forzaBoxeo, esgrima, halterofilia, judo e D.A., karate e D.A., kickboxing, kung-fu, loita e taekwondo
Luns 16Aire e naturezaAeronáutica, caza, colombicultura, colombofilia, deportes de inverno, espeleoloxía, hípica, montañismo, orientación e pesca e casting
Martes 17Rodas e motorAutomobilismo, ciclismo, motociclismo e patinaxe
Mércores 18Movemento e multidisciplinaAtletismo, baile deportivo, deporte adaptado, tríatlon e péntatlon moderno e ximnasia

«Queremos que quen non practica deporte, ou quen o deixou, sinta que hai unha federación esperando por el ou por ela. Galicia ten deportistas de primeiro nivel en case todas as modalidades, e todos empezaron un día nun clube federado», sinala Javier Nogueira, Presidente de UFEDEGA. «Esa é a forza do deporte federado galego.»

As pezas pódense seguir nos perfís de UFEDEGA en Instagram, Facebook e X co cancelo #AquíFaltasTi. As federacións participantes comparten tamén o contido nas súas propias contas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios