Os concellos de menos de 20.000 habitantes contarán con asesoramento técnico para revisar a facturación eléctrica, detectar incidencias e identificar medidas de aforro.
A Deputación da Coruña e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) asinaron hoxe un convenio de colaboración para reducir o consumo e o gasto enerxético das entidades locais da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes. O acordo, que asinaron hoxe o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e director xeral do ITG, Carlos Calvo Orosa, conta cun orzamento total de 495.750 euros, dos que a Deputación financia o 80 %, cunha achega de 396.600 euros.
Unha das primeiras liñas de traballo será a revisión da facturación eléctrica municipal. O equipo técnico do ITG colaborará coa Oficina de Transición Enerxética da Deputación na análise das facturas para detectar posibles incidencias e asesorar os concellos nas reclamacións que procedan. Os estudos de consumo por municipio e por tipo de subministración permitirán tamén identificar as instalacións con maior marxe de aforro e axudarán a priorizar os investimentos.
A colaboración estenderase aos edificios e instalacións da propia Deputación, onde se estudarán e porán en práctica medidas de eficiencia enerxética. O convenio prevé empregar sistemas de monitorización desenvolvidos polo ITG para coñecer como evoluciona o consumo e comprobar o aforro real unha vez introducidas as melloras. Avaliarase tamén a viabilidade de incorporar fontes renovables para cubrir parte da demanda enerxética das instalacións públicas e reducir as súas emisións.
O ITG achegará a súa experiencia en proxectos de eficiencia enerxética, integración de renovables e desenvolvemento de ferramentas de xestión de infraestruturas. Xunto coa oficina provincial, analizará as vías de financiamento dispoñibles para os proxectos que se identifiquen, tanto nos concellos como nas instalacións da Deputación.
Unha estratexia provincial baseada nos datos de consumo
A información recollida servirá de base para definir a Estratexia Provincial de Transición Enerxética. A Deputación e o ITG disporán así de datos sobre as necesidades dos municipios e sobre o resultado das medidas aplicadas para orientar futuras actuacións e valorar que solucións se poden estender a outros concellos da provincia.
O seguimento incluirá o número de instalacións que incorporen sistemas de xestión enerxética, as melloras executadas e os proxectos de enerxías renovables propostos ou implantados. Para medir o seu impacto, rexistraranse os kw/hora aforrados e as toneladas de CO₂ que se deixen de emitir.