Ameijide: “A mellor proba do sectarismo destos orzamentos é que antes de anunciarse xa tiñan comprometido o primeiro convenio a dedo, para a presidenta”

Os deputados populares reclaman máis recursos para os concellos, máis investimentos na rede viaria e solucións aos problemas estruturais da provincia fronte a uns orzamentos continuistas que desaproveitan a capacidade económica da Deputación.

Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian que a presidenta da Deputación “seguiu unha vez máis” o manual de seu predecesor no cargo “e realizou un novo exercicio de autoritarismo e falta de transparencia” ao non sentarse a dialogar nin presentar o proxecto de orzamentos aos deputados populares, o grupo maioritario da corporación: “Son máis do mesmo, a proba de que na Deputación de Lugo todo cambiou para seguir igual”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que esta forma de actuar é “unha falta de respecto aos lucenses”, xa que, lembrou, o Partido Popular goberna en 36 dos 67 concellos da provincia e representa á parte maioritaria da cidadanía lucense. “Unha vez máis, Carmela López decidiu gobernar de costas a unha parte moi importante da provincia, negándose a sentar a dialogar co grupo maioritario da corporación e ignorando as propostas que podemos achegar para mellorar estas contas”.

Antonio Ameijide denuncia que “a presidenta non pode falar de consenso, igualdade de oportunidades ou cooperación municipal mentres se exclúe deliberadamente a quen representa a maioría dos concellos da provincia”.

UN RELATO QUE CHOCA COS FEITOS
O voceiro popular considera que Carmela López volve presentar un relato político “novelado”, idéntico ao que protagonizou no Parlamento de Galicia. “Fala continuamente de igualdade, obxectividade e solidariedade entre concellos, pero que choca frontalmente coas súas propias decisións á fronte da Deputación”, sinalou.

Ameijide recorda que Carmela López se asignou para si mesma o primeiro convenio de 2027, con cargo aos novos orzamentos; 273.600,73€ nun convenio financiado integramente con fondos provinciais e no que Carmela López participa desde ambas as partes, como presidenta da Deputación e como alcaldesa de Burela.

“É difícil falar de igualdade de oportunidades para todos os concellos cando a primeira decisión de cara aos orzamentos do próximo ano é aprobar un convenio de case 273.600,73€ para o municipio que ela mesma goberna. Carmela López predica unha cousa e practica a contraria”, afirma.

MÁIS INGRESOS, PERO NON MÁIS RECURSOS PARA OS CONCELLOS
Outra das cuestións que preocupa aos deputados populares é que o incremento dos recursos económicos da Deputación non se traduza nunha mellora proporcional da financiación que reciben os concellos a través do Plan Deputación.

Antonio Ameijide lembra que, se a institución provincial dispón de máis fondos, é tamén porque os lucenses están soportando unha maior carga fiscal do Estado. “Se os lucenses pagan máis, o lóxico é que ese esforzo reverta nos propios lucenses, e a maneira máis xusta, transparente e igualitaria de facelo é reforzando o Plan Deputación, que permite que os recursos cheguen a todos os municipios”.

Neste sentido, o voceiro provincial popular considera que o goberno provincial debería aproveitar o incremento orzamentario para aumentar de maneira significativa a dotación económica do Plan Deputación, garantindo que todos os concellos dispoñan de máis recursos para atender as necesidades dos seus veciños, independentemente da súa cor política.

Ameijide recorda que “mentres os orzamentos aumentan case un 17%, o Plan Deputación un 12%, polo que na realidade hai menos recursos para o Plan”.

PROPOSTAS DO GRUPO PROVINCIAL POPULAR
Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que as liñas xerais dos orzamentos demostren que non se afrontan os problemas estruturais da provincia nin se aproveite a capacidade económica da Deputación para impulsar o seu desenvolvemento.

Antonio Ameijide lembra que o Grupo Provincial Popular trasladou á presidenta un documento con propostas concretas para a elaboración do proxecto de orzamentos, entre as que destacaban o incremento de 10M€ no Plan Deputación e outros 10M€ para o mantemento e mellora da rede viaria provincial.

Tamén se propoñía crear unha unidade específica de asesoramento aos concellos para a captación e xestión de fondos europeos, abrir os centros de atención a maiores comprometidos e pendentes, rematar os polígonos industriais asinados, reforzar o apoio aos sectores produtivos e impulsar un novo Plan Estratéxico de Turismo para a provincia.

Os deputados do Grupo Provincial Popular consideran que os primeiros orzamentos de Carmela López “son máis do mesmo, continuistas e que ese novo aire do que sempre fala a presidenta provincial non se notou en nada”.

“A provincia necesita unha Deputación que lidere, que coopere e que reparta os recursos con xustiza. Non necesita máis propaganda, máis relatos novelados nin máis sectarismo. Necesita feitos, investimentos e igualdade de oportunidades para os 67 concellos. O que precisan os lucenses é un novo rumbo, o mesmo que sucede con España e que chegará da man de Alberto Núñez Feijóo”, sentenciou.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios