A xornada reunirá a profesionais de primeiro nivel xunto a alumnado de cinco centros educativos para impulsar vocacións femininas en tecnoloxía, informática, matemáticas e física, coa participación da vicerreitora de Tecnoloxía da UNED, e pola tarde incluirá unha conferencia online da CEO de NIGAL.
A UNED de Lugo celebra o 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia con dúas actividades abertas a toda a cidadanía, destinadas a visibilizar o talento feminino nos ámbitos STEM e a fomentar vocacións científicas entre a mocidade da provincia.
A primeira actividade, titulada “Conéctate á ciencia”, terá lugar ás 12:00 horas no Salón de Actos José Luis Prieto Arroyo da UNED de Lugo. Será de acceso libre e gratuíto e contará coa participación directa de alumnado de cinco centros educativos: IES Ollos Grandes, IES Lucus Augusti, IES Leiras Pulpeiro, IES Ánxel Fole e Colexio Franciscanos.
Na mesa redonda intervirán profesionais de primeiro nivel de sectores como a ciberseguridade, a transformación dixital, a enxeñaría, a prevención de riscos laborais ou a sustentabilidade, entre elas Oumaima Abbou (Técnica Superior de Riscos Laborais, TESICNOR), Laura Baus (CISO de Vodafone), Silvia Soriano (Xerente de Defensa, Xustiza e Interior de Microsoft Ibérica), Cristina Bombín del Palacio (Digital Transformation Lead, Entelgy Consulting Tech), Olatz Merino Garay (Manager RSC/ESG, Sigma AI) e Sofia Ya Hsuan Liou (profesora do Departamento de Xeociencia, Universidade Nacional de Taiwán). A sesión estará coordinada por María del Rocío Muñoz Mansilla, vicerreitora de Tecnoloxía da UNED, que conducirá e participará como relatora.
O formato será dinámico e permitirá o diálogo directo entre as relatoras e as persoas asistentes, co obxectivo de ofrecer referentes reais, rachar estereotipos de xénero e achegar ás nenas e mozas modelos de liderado científico.
Pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase a conferencia online “Soñar, investigar, descubrir: o camiño das nenas na ciencia”, impartida por Lara Neira González, doutora en Intelixencia Artificial pola Universidade de Edimburgo, licenciada en Matemáticas pola USC e cofundadora e CEO da premiada startup NIGAL Nova Industria Galega, con sede en Ribadeo.
NIGAL foi recoñecida nos premios UU Startup Community no ámbito da sustentabilidade e recentemente seleccionada entre as quince empresas gañadoras a nivel estatal do programa de aceleración AgroBank, grazas á súa plataforma Libatio, que emprega a intelixencia artificial para monitorizar a maduración do viño. Desde Galicia, a empresa traballa en proxectos de IA e dixitalización orientados a mellorar o contorno produtivo, facendo que as organizacións sexan máis rendibles e sostibles.
Ambas actividades enmárcanse no ciclo ODS en Acción 2025-2026, aliñado prioritariamente co ODS 5 Igualdade de Xénero e co ODS 9 Industria, Innovación e Infraestrutura, e contan coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo.
A programación deste ano orientouse de maneira especial cara á tecnoloxía, a informática, as matemáticas e a física, ámbitos nos que a presenza de mulleres continúa a ser minoritaria e que a UNED de Lugo quere impulsar de forma decidida. O avance imparable da intelixencia artificial, da enxeñaría de datos e das novas profesións dixitais esixe promover vocacións femininas nestes campos estratéxicos e de alta demanda laboral.
Desde a UNED de Lugo convídase a toda a cidadanía a participar nestas iniciativas gratuítas, que reafirman o compromiso do centro coa igualdade, a educación científica e o impulso do talento feminino.