O PP de Foz celebra que parte do suplemento de crédito de 670.000€ se destine a mellorar instalacións deportivas e culturais, tal e como pediron os veciños

Javier Castiñeira: “Unha vez máis demostramos a nosa capacidade de diálogo e de escoita para acadar melloras en beneficio dos veciños e do municipio”.

Os concelleiros do PP de Foz celebran que parte dos 670.000€ do suplemento de crédito se destinen a realizar novos investimentos, solicitados por colectivos veciñais e deportivos, como poden ser a renovación do marcador electrónico do pavillón de Marzán ou a mellora dos equipamentos nas pistas das parroquias.

O voceiro municipal, Javier Castiñeira, lembra que xa advertiran “de partidas insuficientes no orzamento municipal”, situación que obrigou a suplementar partidas “que quedaron curtas e que mesmo dificultaron o pago a empresas”.

Neste senso, Javier Castiñeira sinala que “realizamos varias propostas para facilitar estes investimentos, pero o equipo de goberno opúxose a nosa proposta inicial de rebaixar impostos municipais, polo que tivemos que incorporar outras demandas veciñais ao acordo”.

“Unha vez máis demostramos a nosa capacidade de diálogo, de escoita en beneficio dos veciños e do municipio. Queda patente que Foz necesita un cambio, o mesmo que necesita España e que chegará da man de Núñez Feijóo”, afirmou.

Neste caso, o acordo vai a permitir a aprobación, no pleno extraordinario, dun suplemento de crédito por importe de 670.000€, procedentes das liquidacións positivas do Estado correspondentes aos excesos de recadación tributaria.

OS VECIÑOS DE FOZ PAGAN MOITOS IMPOSTOS

Javier Castiñeira recorda que esta partida de 670.000€ pon de manifesto unha cuestión que “advertimos” desde hai tempo: “mentres os veciños perden poder adquisitivo e soportan unha maior presión económica, o Estado continúa incrementando a súa recadación a través dos impostos”.

Os concelleiros do PP solicitaron inicialmente unha rebaixa dos impostos municipais, unha proposta que non contou co apoio do equipo de goberno. Ante esta negativa, os populares optaron por trasladar outras iniciativas destinadas a mellorar os servizos e as instalacións municipais, atendendo especialmente ás peticións dos colectivos deportivos e culturais de Foz.

Entre as propostas incorporadas figura a renovación do marcador electrónico do pavillón de Marzán, unha instalación cun importante volume de uso e que xa foi obxecto dunha renovación integral durante a etapa de goberno do Partido Popular. Tamén se recolle a mellora dos equipamentos das pistas deportivas das parroquias, dando resposta ás demandas que os populares veñen trasladando ao pleno municipal, como no caso da pista de Fazouro.

Os populares tamén lembran o traballo realizado arredor do campo de fútbol de Malates, onde trasladaron as necesidades dos usuarios e colectivos vinculados á instalación. Neste senso, o equipo de goberno comprometeuse a executar os vestiarios para equipos mixtos, unha actuación que responde a unha demanda existente.

Desde o PP destacan que estas propostas son froito do contacto permanente cos colectivos e entidades do municipio, aos que escoitan para trasladar as súas necesidades ás institucións.

UN ORZAMENTO MAL PLANTEXADO

Javier Castiñeira tamén lembra que xa advertira de que o orzamento municipal aprobado inicialmente era insuficiente e que determinadas partidas quedaran dotadas con cantidades demasiado baixas. A necesidade de aprobar agora este suplemento de crédito, así como as dificultades que se produciron para que algunhas empresas puidesen cobrar polos servizos prestados, reforzan, segundo os populares, as advertencias que viñan realizando.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios