O deputado do BNG lembra que “seguimos a pagar peaxes por decisión do PP”. Tras conseguir a transferencia da autoestrada, “imos traballar na próxima lexislatura para anular a prórroga e ter unha vía galega e libre de peaxes”.
O cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, participou esta mañá nunha acción reivindicativa por unha “AP-9 galega e libre de peaxes” e garantiu que o seguinte obxectivo do BNG é lograr a súa gratuidade.
Coas bonificacións, usuarios/as recorrentes pagan só 25% da peaxe
Néstor Rego puxo de manifesto que entre as medidas desenvolvidas polo BNG para mellorar a vida das galegas e dos galegos e o desenvolvemento económico, está o logro de ter negociado importantes bonificacións na AP-9 nesta lexislatura. “BNG conseguiu bonificacións nas peaxes para que usuarios e usuarias recorrentes paguen hoxe apenas 25%, con bonificacións de até 75%. É dicir, que só paguen 1 euro de cada 4 do prezo das peaxes”.
Logramos a transferencia, agora a polo seguinte obxectivo: a gratuidade.
“Esta é unha medida provisional”, enfatizou, porque “o obxectivo principal do BNG para a próxima lexislatura é que a AP-9 sexa gratuíta”, tras lograr nesta a transferencia da autoestrada á Galiza. “Conseguimos a transferencia e falta que se concreten as condicións na Comisión Mixta. Agardamos que o PP non siga poñendo trabas para facela realidade canto antes”, sinalou.
Néstor Rego lembrou que a razón de que sigamos pagando peaxes por transitar pola AP-9 “é por decisión do PP que prorrogou a concesión até 2048”, deixando claro que “esta autoestrada tiña que ser xa libre de pagamento hai tempo se non fose por culpa do PP”.
Unha vez conseguida a transferencia, o deputado do BNG remarcou claramente que o obxectivo para a vindeira lexislatura vai ser “a súa gratuidade. Hoxe por hoxe é a autoestrada máis cara do Estado. Un lastre para as familias, e para traballadores e traballadoras, persoas autónomas, pequenas empresas e transportistas”. Asegurou que o BNG vai traballar para que “a prórroga que a UE di que é ilegal, sexa anulada”, na mesma liña que aconteceu con outras da mesma xeración.
O deputado do BNG cualificou a AP-9 de “infraestrutura fundamental” para a cohesión territorial e socio-económica da Galiza posto que articula todo o eixo atlántico onde se sitúa 60% da poboación e grande parte da actividade económica do noso país.