Os traballos, cun investimento de 419.700,93 euros, están previsto que comecen a final de mes e terán un prazo máximo de execución de oito meses.
O Concello de Lugo mantivo unha reunión de coordinación co responsable de NOVAVIAL, empresa adxudicataria das obras de humanización e mellora do confort climático da Praza de San Lorenzo, para avanzar na planificación do inicio dos traballos.
A actuación conta cun orzamento de 419.700,93 euros, está cofinanciada nun 60 % con fondos europeos FEDER e dispón dun prazo máximo de execución de oito meses.
Durante o encontro abordáronse as cuestións organizativas previas ao inicio da obra, especialmente a planificación dos traballos e as posibles afeccións que a súa execución poida ocasionar a veciñanza da contorna.
Información á veciñanza e planificación das afeccións
Antes do comezo das obras, o Concello celebrará unha reunión informativa coas persoas residentes na zona para explicarlles as características do proxecto, as distintas fases de execución e o calendario previsto, así como resolver as dúbidas que poidan xurdir. A xuntanza está prevista para o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 18.00 horas na propia praza.
Neste encontro darase a coñecer o plan de tráfico asociado á actuación, que detallará as posibles modificacións da circulación e as afeccións aos accesos aos garaxes durante o desenvolvemento dos traballos.
A planificación buscará reducir, na medida do posible, as molestias á veciñanza e compatibilizar a execución da obra coa actividade habitual da zona.
Medidas de protección para a colonia felina da contorna
Na reunión con representantes de Novavial tamén abordou a presenza dunha colonia felina nunha parcela próxima ao ámbito da actuación.
Hai que lembrar que o concello conta cun Programa municipal para a mellora e control poboacional das colonias felinas, que establece medidas para a protección e xestión dos gatos comunitarios.
Neste sentido, durante a execución das obras terase en conta a presenza destes animais e coordinaranse coa asociación Michos as medidas necesarias para protexer o seu benestar e evitar que os traballos poidan ocasionarlles danos ou alterar as súas condicións de vida.