Ameijide sinala como o mellor exemplo “do uso selectivo” dos fondos nos convenios recordando como PSOE e BNG destinaron en 2025 370.000€ nun único convenio para colaborar co San Froilán, pero que, en 2026 tralo cambio de goberno, a axuda reduciuse a 50.000€, unha baixada do 90%: “San Froilán non é unha festa do PSOE nin do BNG, é unha celebración de todos os lucenses”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian hoxe, en rolda de prensa, o reparto “desequilibrado e partidista” dos recursos públicos que están a realizar PSOE e BNG desde o goberno da Deputación de Lugo: “utilizan os convenios como unha ferramenta para favorecer aos concellos nos que gobernan, discriminando claramente aos municipios gobernados por outra cores, principalmente do Partido Popular”.
A análise dos convenios aprobados no que vai de 2026 evidencia unha realidade “moi difícil de xustificar” xa que os concellos gobernados por PSOE e BNG concentran o 89,3% dos fondos repartidos mediante convenios.
En concreto, dos 9.728.457,65€ destinados a convenios no que vai de ano, 8.041.542,04€ corresponden a concellos dirixidos por socialistas, mentres que 643.097,31€ foron a parar a municipios gobernados polo BNG. “8.684.639,35€ para PSOE e BNG, fronte aos 348.068,68€, que non son nin o 3% do total, que figuran para concellos do Partido Popular”, denunciaron.
Unha situación que non é nova xa que, segundo recordou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, “vén de lonxe e van camiño de superarse”, poñendo como exemplo o ano 2025 no que a Deputación destinou 15.892.432,45€ a través de 94 convenios e 12.079.020,31€ corresponderon a concellos gobernados polo PSOE e 2.608.144,99€ a municipios gobernados polo BNG.
Neste senso, Antonio Ameijide afirmou que estas cifras “desmontan por completo o discurso de igualdade e solidariedade territorial que PSOE e BNG intentan vender aos lucenses”.
O voceiro popular pregunta a Carmela López de que serviron as xuntanzas cos alcaldes “da que tanto presumiu” xa que a colaboración cos concellos dirixidos por alcaldes do PP “non se ve por ningures”. “Semella ter oído selectivo porque só escoita a algunhas persoas, para as que hai cheques en branco, mentres que as peticións do resto acaban no lixo segundo saen pola porta”
Os números falan por si mesmos. “Cando se trata de repartir millóns de € mediante convenios, régase cos cartos que sexa preciso aos concellos dirixidos por socialistas e nacionalistas, mentres que aos gobernados polo Partido Popular péchaselles a billa”.
Ameijide subliña que “non estamos ante unha cuestión de opinión, senón ante datos do propio goberno provincial”.
“Nove de cada dez euros dos convenios van a concellos gobernados polos dous partidos que controlan o goberno provincial. É unha forma de entender a institución que está moi lonxe de representar aos 67 municipios da provincia”, denunciou.
CARMELA LÓPEZ ESTREA OS CONVENIOS DE 2027 CO SEU PROPIO CONCELLO
A relación de convenios amosa unha decisión especialmente significativa de cara ao próximo orzamento: o primeiro convenio consignado para 2027 é un acordo de 273.600,76€ co Concello de Burela.
O voceiro popular sinalou que “que este sexa o primeiro compromiso económico que aparece para o próximo exercicio, tendo en conta que Carmela López é á vez presidenta da Deputación e alcaldesa de Burela é curioso, sobre todo, porque aprobou este convenio cando nin sequera presentara os orzamentos”.
Ameijide denuncia que “Carmela López fala de igualdade de trato e de criterios obxectivos, pero a realidade é que segue o manual do seu antecesor no cargo”.
“Os 67 concellos teñen os mesmos dereitos e a Deputación debe estar ao servizo de todos. Non pode ser que a presidenta utilice a súa dobre condición institucional para que o seu municipio sexa o primeiro en figurar na lista de compromisos do próximo ano”, denunciou.
LUGO: 320.000€ MENOS PARA SAN FROILÁN
Outro dos exemplos máis evidentes de que PSOE e BNG usan os fondos “ao seu antollo” é o cambio de criterio que tiveron co Concello de Lugo.
En 2025, cando o goberno municipal estaba en mans de PSOE e BNG, a Deputación achegou 370.000€ para colaborar coas festas de San Froilán, pero, en 2026, co Partido Popular á fronte do Concello, a achega provincial quedou reducida a 50.000€, unha caída de 320.000€, un 86,5% menos.
Para Antonio Ameijide “resulta moi difícil explicar que unha celebración tan importante para a cidade e para toda a provincia pase de recibir 370.000€ a recibir 50.000€. San Froilán non é unha festa do PSOE nin do BNG, é unha celebración de todos os lucenses”.
O voceiro provincial popular considera que “este é o exemplo perfecto de como entenden PSOE e BNG a cooperación institucional: cando gobernan eles, os recursos aparecen; cando goberna o Partido Popular, as achegas desaparecen ou redúcense drasticamente”.
JOSÉ TOMÉ: UN NOVO COMPROMISO DE 1,8 MILLÓNS DE € PARA MANTER A MAIORÍA NO PLENO
Outro dos casos que chama a atención é Monforte de Lemos que, cun único convenio, recibiu 1.800.000€.
O 3 de xullo de 2026 aprobouse un novo convenio por importe de 1.800.000€ para financiar actuacións urbanas e no medio rural municipal destinadas a mellorar as comunicacións, que, en realidade, “foron para financiar a obra da nova ponte no Malecón, unha actuación moi polémica”.
Ameijide considera que “mentres se recortan drasticamente as achegas a outros concellos, simplemente porque mudou o goberno e non as necesidades, outros municipios seguen acumulando compromisos millonarios mediante convenios individualizados”.
Por este motivo, Ameijide é directo coa presidenta da Deputación: “por que non explica publicamente cales son os criterios que seguen para que existan estas diferenzas e por que non se aplican as mesmas regras para todos”.
22 MILLÓNS NO PLAN DEPUTACIÓN FRONTE A MILLÓNS EN CONVENIOS DISCRECIONAIS
Para os deputados do Grupo Provincial Popular o máis grave é que esta forma de actuar contrasta co propio Plan Deputación, que debería ser a principal ferramenta de cooperación económica cos municipios.
En 2025, o Plan Deputación contou con 22M€ achegados pola institución provincial, mentres que en 2026 a achega da Deputación ascendeu a 22,25M€. “Unha suba totalmente insuficiente e que contrasta coa proposta que realizamos para incrementalo en 10M€ e así achegar máis recursos a todos os Concellos da provincia de forma igualitaria, sen sectarismos, así como flexibilizar a aplicación deses fondos para permitir que os Concellos os poidan dirixir a outros gastos coma os correntes”, recordou.
Ademais, Ameijide destacou que “se os orzamentos da Deputación suben en torno ao 16% e o Plan increméntase un 12%, a realidade é que PSOE e BNG baixan os recursos destinados ao Plan Deputación”.
“Se hai 22,25M€ para repartir con criterios obxectivos entre os 67 concellos, por que non se aplica esa mesma filosofía aos millóns que se comprometen mediante convenios? Por que non se engaden eses fondos ao Plan?”, unha pregunta á que engadiu que “a realidade é que hai municipios que acumulan convenios de centos de miles ou mesmo millóns de euros mentres outros semella que non existen”.
O voceiro popular rematou a rolda de prensa explicando que “a Deputación non pode ser unha institución ao servizo dos intereses electorais de PSOE e BNG. Os recursos públicos pertencen a todos os lucenses e deben distribuírse con transparencia, igualdade e criterios verificables, non en función da cor política de cada alcalde”.
PAGOS DE GASTOS XERAIS POLA MALA XESTIÓN DE PSOE E BNG
Antonio Ameijide tamén desvelou que dende o goberno provincial están a pagar as consecuencias da “mala xestión económica” dos alcaldes socialistas e nacionalistas da provincia xa que “están a asinar convenios de centos de miles de euros para pagar facturas de gastos ordinarios do funcionamento dun concello”.
Neste senso, o voceiro popular destaca que municipios como Meira, Pol, Ourol ou Antas de Ulla, entre outros moitos, dirixidos por socialistas e nacionalistas “teñen nestes convenios unha vía de escape á súa mala xestión”, xa que “con estes acordos a porta pechada e en xunta de goberno provincial todos os lucenses pagamos as facturas que non son capaces de pagar porque non reservaron cartos nin para o máis básico”.
Deste xeito, Carmela López está a financiar gastos que toda administración debería ter xa previstos como as facturas de electricidade, comunicacións, telefonía e publicidade, materiais de mantemento e funcionamento, servizos de mantemento, reparación, alugueiro e subministro, combustible ou seguros de vehículos municipais, o arranxo dunha desbarbadora, as camisetas e roupa de traballo do persoal municipal, o combustible da calefacción ou o mantemento de calquera vehículo, entre outros.
Neste senso, Ameijide recorda que pedimos en varias ocasións que se modificasen as bases do Plan Deputación, tal e como pediron moitos alcaldes da provincia, que se puidesen incluír no Plan gastos correntes, “pero PSOE e BNG néganse xa que o único que queren é financiar aos seus afíns pola porta de atrás e tentar asfixiar ao resto”.