Os traballos previos de sinalización comezarán o luns 23 de novembro, mentres que a intervención na tubaxe principal terá lugar o mércores 25 a partir das 8:00 horas, provocando cortes de subministro e desvíos no tráfico e nos autobuses urbanos.
O Concello de Lugo ultima o dispositivo técnico para acometer a reparación definitiva da fuga detectada nunha arteria principal de abastecemento da cidade, ao seu paso pola avenida da Coruña, á altura do número 224.
A intervención chega despois dunha fase de diagnose na que se empregaron equipos especializados de xeófonos e localizadores, que permitiron situar o punto exacto da avaría sen necesidade de realizar cortes masivos previos. Co obxectivo de reducir ao máximo as molestias á veciñanza, ao comercio local e ás persoas condutoras nun dos principais eixes de entrada e saída da cidade, a obra estruturarase por fases, evitando abrir a calzada ata dispoñer de todo o material específico necesario.
Calendario da intervención en tres fases
O cronograma previsto polos servizos municipais para a vindeira semana é o seguinte:
- Luns 23 de novembro (a partir das 8:30 horas): inicio dos traballos de delimitación da zona de obra e reordenación da circulación na contorna.
- Martes 24 de novembro: provisión do material técnico específico para a reparación e replanteo da obra civil.
- Mércores 25 de novembro (a partir das 8:00 horas): intervención directa sobre a condución principal, o que implicará o corte da subministración, a apertura da gabia, a inspección directa da avaría e a súa reparación.
Cortes de auga previstos e posibles escenarios técnicos
Os traballos executaranse sobre unha tubaxe principal de fundición dúctil DN500 mm situada a uns tres metros de profundidade. Polo tanto, o alcance exacto da obra non poderá determinarse ata que se abra a gabia e o persoal técnico avalíe o dano real. Manéxanse dous escenarios:
- Reparación puntual: se a avaría permite actuar directamente sobre o punto da fuga tras illar o sector, sen baleirar a tubaxe, a intervención desenvolverase con maior axilidade.
- Substitución dun tramo: se o estado da condución obriga a seccionar o tubo e colocar unha peza nova, será imprescindible baleirar completamente esta arteria principal antes da montaxe.
Como consecuencia, están previstos cortes de subministración e baixadas de presión durante toda a xornada do mércores 25 na avenida da Coruña e nas rúas da súa contorna. Dependendo da complexidade da avaría, as incidencias poderían estenderse a outras áreas da zona norte e mesmo ao barrio do Sagrado Corazón.
A duración mínima estimada dos traballos é de 12 horas. Con todo, se fose preciso baleirar a rede e substituír un treito de tubaxe, os cortes poderían prolongarse ata o xoves 26 de novembro. Nese suposto, o Concello habilitará fontes ou billas provisionais para garantir o acceso á auga da veciñanza afectada, cuxa localización se difundirá a través das redes sociais municipais e dos medios de comunicación.
Restricións de tráfico e desvíos nos autobuses urbanos
A execución da obra obrigará a pechar un carril de circulación na avenida da Coruña en sentido saída da cidade desde o luns 23 ás 8:30 horas. Recoméndase ás persoas condutoras evitar este treito na medida do posible e empregar itinerarios alternativos.
Así mesmo, as liñas de autobús urbano que circulan pola avenida da Coruña en sentido saída modificarán o seu traxecto mentres duren os traballos, desviándose pola avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez, a rúa Anselmo Sampedro Ania, a rúa Otero Besteiro e a rúa Manuel María. Para dar servizo ás persoas usuarias, habilitaranse dúas paradas provisionais:
- Rúa Manuel María, á altura do número 3.
- Avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez, á altura do número 211.
O Concello de Lugo agradece de antemán a comprensión da veciñanza, dos establecementos comerciais e das persoas condutoras polas molestias derivadas desta actuación imprescindible para garantir o abastecemento da cidade.