O documento establece as condicións de colaboración entre ambas as administracións para unha actuación valorada en 4.450.000 euros, destinada a dotar destes servizos os núcleos das dúas parroquias, a urbanización Bellavista, o Hospital de Calde e as actividades económicas da contorna da N-540.
A Xunta de Goberno Local aprobou o texto do convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e Augas de Galicia para a execución das obras de abastecemento de auga potable e saneamento de augas residuais na contorna da N-540, a estrada que comunica Lugo con Ourense. Trátase dun paso previo necesario para a posterior sinatura do convenio por ambas as administracións, cuxa previsión é que se poida formalizar nas próximas semanas.
Na rolda de prensa na que se informou deste trámite tamén estiveron presentes os presidentes e veciños e veciñas das Asociacións de Calde, Esperante.
Unha vez asinado o convenio, será Augas de Galicia a administración encargada de licitar as obras.
A actuación prevista ten un investimento de 4,45 millóns de euros e ten como obxectivo estender estes servizos básicos a zonas que actualmente presentan carencias nestas infraestruturas. Esta obra dará servizo nun futuro a Esperante, Calde, Monte de Meda e Lamas así como ao Hospital de Calde, e ás naves e vivendas situadas na contorna desta estrada.
As obras desenvolveranse pola marxe dereita da N-540, en dirección Lugo-Santiago, entre os puntos quilométricos 2+400 e 6+400, e continuarán por viario local ata a parcela do Hospital de Calde.
En que consiste el proxecto?
O proxecto contempla a instalación dunha nova condución principal para o abastecemento de auga potable e dun colector soterrado para a recollida e evacuación das augas residuais. As dúas infraestruturas discorrerán pola marxe dereita da N-540, entre os puntos quilométricos 2+400 e 6+400, e continuarán por un viario local ata o Hospital de Calde.
A actuación inclúe tamén a construción dunha estación de bombeo nunha parcela de 2.672 metros cadrados, que albergará os equipos necesarios para o funcionamento do sistema. A instalación contará cun edificio de formigón armado, peche perimetral, iluminación, protección contra incendios e drenaxe de augas pluviais. O equipamento disporá de tres bombas de 22 kW (dúas en servizo e unha de reserva) e outra de 7 kW para as bocas de incendio.
A nova rede de saneamento conectarase co interceptor existente na zona de A Louzaneta, mentres que a condución de abastecemento enlazará coa rede arterial de auga existente na contorna.
Un investimento compartido entre Augas de Galicia e o Concello
O investimento de 4.450.000 euros financiarase mediante a colaboración entre ambas as administracións. Augas de Galicia asumirá o 70 % do importe, cunha achega de 3.115.000 euros, mentres que o Concello de Lugo achegará o 30 % restante, que ascende a 1.335.000 euros.
O convenio contempla financiamento europeo FEDER, a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027, integrado na estrutura de financiamento xestionada por Augas de Galicia.
Pola súa banda, o Concello comprométese a facilitar os terreos necesarios para executar as obras, tramitar os permisos e autorizacións que correspondan e, unha vez recibidas as infraestruturas, incorporalas ao patrimonio municipal, asumindo a súa explotación, conservación e mantemento.