Conde subliñou que “o próximo domingo 29 de novembro temos unha oportunidade para apostar polo cambio necesario que representa Alberto Núñez Feijóo e afrontar os retos da provincia e garantir máis oportunidades para Galicia e para o conxunto de España”.
O cabeza de lista ao Congreso, Francisco Conde, aposta por impulsar proxectos estratéxicos coma o Camiño de Inverno e o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO. Así o trasladou durante unha visita ao Mosteiro de Santa María ou San Salvador, en Ferreira de Pantón, acompañado polo alcalde do municipio, José Luis Álvarez.
Tamén coñecido como o Mosteiro das Bernardas -foi primeiro beneditino e despois cistercense- é o único mosteiro feminino da Ribeira Sacra que conserva vida relixiosa. De feito, é o único de Galicia que conserva a súa función dende a súa creación. Conde púxoo como exemplo do “enorme valor paisaxístico, patrimonial e cultural que ten a Ribeira Sacra e que merece todo o apoio institucional”.
O candidato popular sostén que “protexer a Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno significa tamén apostar polo noso rural, polo turismo sostible, pola actividade económica e, sobre todo, por crear oportunidades de futuro para as persoas que viven neste territorio. É fundamental que as administracións se impliquen, a Xunta de Galicia xa o está a facer, e acompañen aos veciños e veciñas na defensa e no desenvolvemento dunha zona con enormes posibilidades”.
Conde subliñou que “o próximo domingo 29 de novembro temos unha oportunidade para apostar polo cambio necesario que representa Alberto Núñez Feijóo, unha nova etapa política que permita impulsar proxectos estratéxicos como o recoñecemento desta zona como Patrimonio Mundial da UNESCO, afrontar os retos da provincia e garantir máis oportunidades para Galicia e para o conxunto de España”.
“Co voto a Feijóo, estaremos contribuíndo a que este territorio siga vivo, con servizos, oportunidades e futuro para as vindeiras xeracións”, conclúe.
PROPOSTAS DO PARTIDO POPULAR
O programa electoral do Partido Popular recolle, entre outras propostas, a protección ao noso patrimonio, a promoción e apoio á cultura e a proxección ao mundo do mellor de España.
Nese sentido, Feijóo propón actualizar as leis que protexen o patrimonio material e inmaterial e velar, en colaboración coas Comunidades Autónomas, pola protección dos bens. Así mesmo, o Partido Popular aposta no seu programa electoral pola promoción exterior da nosa cultura, patrimonio, turismo, gastronomía e deporte.