A dificultade para atopar vivenda accesible no rural é unha realidade que COGAMI leva tempo detectando a través do seu traballo no territorio, converténdose agora nun reto directo para a posta en marcha do programa ConVive Rural. A pesar dos esforzos realizados, polo de agora está resultando imposible localizar unha vivenda en alugueiro que reúna as condicións de accesibilidade necesarias, o que probablemente obrigue á entidade a retrasar temporalmente o inicio do programa, previsto para xuño.
COGAMI iniciou a busca dun inmoble nos concellos de Silleda, Lalín e A Estrada, municipios nos que pretendía poñer en marcha esta experiencia. A resposta recibida ata o momento é negativa, e a Organización non descarta ampliar a procura a outras provincias se a situación continúa sen solución.
Por iso, COGAMI fai un chamamento público ás persoas propietarias que dispoñan dunha vivenda accesible para alugar a que se poñan en contacto coa Organización a través do teléfono 663 940 759.
Un proxecto de vida independente para persoas con discapacidade no rural
ConVive Rural é un programa innovador de apoios comunitarios que ten como obxectivo garantir o dereito á vida independente das persoas con discapacidade física e orgánica en zonas rurais, previndo a institucionalización e promovendo a equidade territorial. Impulsado dende COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica), entidade da que forma parte COGAMI, ConVive Rural desenvólvese en 52 concellos de seis comunidades autónomas: Galicia, Madrid, Asturias, Castela e León, Comunidade Valenciana e Andalucía, con equipos profesionais cualificados e planificación supraterritorial coordinada por COCEMFE.
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, Galicia conta con 313 concellos, 257 con menos de 10.000 habitantes, o que supón o 82 % do total, evidenciando o peso do rural na comunidade. Este dato reforza a relevancia de programas como ConVive Rural, que buscan dar resposta ás necesidades de permanencia, autonomía e apoio no territorio.
A través de servizos de asistencia persoal, vivendas de transición, acompañamento familiar, formación, tecnoloxías accesibles e accións de dinamización comunitaria, o programa despregará unha intervención integral centrada na persoa e no seu proxecto de vida. O enfoque metodolóxico baséase en plans e apoios personalizados, avaliación funcional e articulación territorial con servizos públicos, baixo os principios de accesibilidade universal, perspectiva de xénero e interseccionalidade.
A operación contempla cinco fases: diagnóstico participativo, formación e deseño de apoios, execución de servizos e accións comunitarias, seguimento técnico e avaliación do impacto, e transferencia metodolóxica para a súa sustentabilidade. Prevese a creación de redes de colaboración, a xeración de evidencia útil para políticas públicas e a continuidade a través de recursos como a PEAP ou convenios institucionais.
Acompaña Rural
Dentro do programa, COGAMI establecerá un servizo innovador de asistencia persoal (AP) compartida para persoas con discapacidade en zonas rurais de Galicia. Denominado Acompaña Rural, o servizo utiliza vivendas de transición accesibles como base comunitaria non institucional, co obxectivo principal de garantir o dereito a vivir de forma independente, previndo procesos de institucionalización non desexados e facilitando o desenvolvemento de proxectos de vida personalizados.
As persoas participantes contarán con apoios personalizados deseñados en torno ao seu Plan Personalizado de Atención e Apoio ao Proxecto de Vida que abordan dende as actividades cotiás ata a participación comunitaria e a toma de decisións. O modelo incorpora enfoque de xénero, accesibilidade universal, perspectiva interseccional e sostibilidade a longo prazo, contribuíndo a transformar o coidado no entorno rural a través de recursos comunitarios adaptados e estruturas replicables.
ConVive Rural enmárcase no Programa FSE+ de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza, e está cofinanciado pola Unión Europea e Fundación MAPFRE a través da convocatoria Axudas +RURAL 2025. O programa desenvolverase durante dous anos, ata decembro de 2027, e contará con equipos profesionais especializados e tamén cun compoñente tecnolóxico baseado en robótica social, sensórica domiciliaria e domótica accesible.