A cantante e compositora arzuá presenta o seu último traballo Je tiens bon.
MJ Pérez tocará este sábado, 28 de novembro, en Outeiro de Rei, concretamente ás 20 horas na Casa-Museo Manuel María. E faráo para interpretar o seu último traballo Je tiens bon, un disco cheo de pop, música de raíz, rock, ritmos latinos e brasileiros e con letras onde se combina o íntimo co social, temperado todo con humor, ironía, inconformismo e sensibilidade.
Despois de “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”, “Guerrilleira”, “Casandra” e “A luz prendida”, a música arzuá vén de editar o seu quinto álbume de estudo, con trece pezas, producido por Peter Petrowski e coa participación nalgunhas das súas cancións, entre outras, de Sofía Espiñeira, Natasia Zürcher, as portuguesas Crua, Noelia Perpetuo… Ao máis puro estilo de canción de autor, MJ Pérez, en formato de de dúo con Alberto Romero, interpretará cancións que dialogan coa idea de aprender a vivir sen quedar inmóbil perante os obstáculos e cancións que poñen o foco nunha realidade cotiá que atravesa unha xeración enteira (precariedade, vivenda imposíbel, esgotamento, necesidade de afecto e de humanidade).
Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente (billete 5 euros) encontacto@casamuseomanuelmaria.