A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo este domingo en valor a calidade dos produtos do mar de Galicia e, de xeito especial, a do berberecho de Noia, ao que definiu como «un dos símbolos da identidade mariñeira da ría de Muros e Noia».
A titular de Mar realizou estas declaracións durante a súa participación nas IX Xornadas de Exaltación deste bivalvo, un evento organizado pola Confraría de Pescadores San Bartolomeu e a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-95). A cita celebrouse na alameda da vila e acolleu unha degustación popular de carácter solidario cuxa recadación irá destinada a Cáritas e Cruz Vermella.



O obxectivo destas xornadas é promocionar a excelencia dun dos recursos máis emblemáticos da ría de Muros e Noia, ademais de recoñecer o traballo diario dos profesionais do marisqueo e destacar o peso económico, social e cultural que esta actividade ten para o conxunto da comarca.