Rubén Arroxo: “O San Froilán bateu récords, tamén no bus urbano, con 6.599 usuarios máis que o ano anterior”

por Redacción Lugo

Segundo Arroxo, «hai varios factores que facilitan o uso do bus urbano entre a veciñanza, como a concienciación a respecto das emisións, o aforro económico ou a comodidade do bus urbano con respecto a vehículo privado»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo fixo balance sobre os usuarios do bus urbano durante as festas do San Froilán. O Tenente Alcalde destacou que a edición 2024 das festas de Lugo «superou os datos do ano pasado, rexistrando en total 61.673 usuarios».  «Isto non só demostra o éxito das festas, senon que tamén demostra que a veciñanza de Lugo está apostando polo bus urbano como medio de transporte habitual», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «superamos tamén ao San Froilán 2023, que con 55.074 persoas foi ata agora o ano con mais usuarios no bus urbano».

O Tenente Alcalde lembrou que «neste momento do ano levamos o maior número de viaxeiros da historia no acumulado de todo o ano, o que demostra que, de seguir esta tendencia, 2024 será o mellor ano no transporte público de Lugo». Na actualidade, os transbordos representan aproximadamente un 3% dos billetes expedidos, os datos amosan un verdadeiro aumento no número de persoas que cada día deciden usar o bus urbano.

«Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%». O Tenente Alcalde anunciou que «máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema». Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario