O PP agarda que PSOE e BNG poñan a disposición esta semana o inventario de bens da nave de Begonte e axilicen a súa cesión aos Concellos interesados

por Redacción Lugo

Antonio Amejide recorda que o día 13 deste mes rematou o prazo para realizar o inventario de todo o material que hai no interior desta propiedade da Deputación polo que “José Tomé e os seus socios de goberno xa non teñen escusas para que teñamos información de todo o que se almacena nesa nave para logo poñelo a disposición dos Concellos”.

O Grupo Provincial Popular agarda que o goberno de José Tomé poña a disposición de inmediato o inventario de todos os bens que hai almacenados na nave que a Deputación de Lugo ten no polígono de Carral, en Begonte, despois de que o día 13 deste mes rematase o prazo máximo estipulado para a elaboración desta relación de materiais.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “é fundamental” coñecer todo o que PSOE e BNG “tiraron” nesa nave xa que “seguramente haxa moitos elementos que se poidan poñer a disposición dos concellos”. “Canto máis tempo deixen pasar sen facilitar o inventario e, sobre todo, sen poñelo a disposición dos Concellos máis se deteriorará polo que non se pode perder máis tempo”, sinalou.

Antonio Ameijide, recorda que “pese a que tardamos moitos meses” o pasado mes de xuño “por fin tivemos acceso” e “nunha única revisión visual puidemos comprobar como había e hai moito material que pode ser de gran utilidade para moitos dos concellos da provincia, sempre e cando se atope en bo estado”.

“A realidade é que practicamente todos os concellos da provincia teñen unsrecursos económicos e de persoal moi limitados, polo que calquera axuda que se lles poidan prestar sempre será benvida para dar un mellor servizo aos seus veciños”, afirmou.

Nesta primeira inspección visual que puideron realizar os deputados populares no acceso que realizaron en xuño viron como nesta nave de Begonte había maquinaria de obra e para o coidado e mantemento de zonas verdes;embarcacións de diferentes características, dende lanchas pneumáticas ata veleiros, pasando por chalanas e outras embarcacións de menor tamaño; material de balizamento e de sinalización de obras; elementos de xogo de parques infantís; elementos decorativos, como esculturas, ou material deportivo… “No caso de estar en bo estado todo este material todos os concellos da provincia poderían aproveitalo moi ben”, defendeu.

O voceiro popular recorda que “foi a raíz da nosa entrada e denuncia pública” cando a Deputación de Lugo encargou o mantemento da parcela (ata o momento totalmente abandonada e perigosa) e o inventario de todos os bens alí tirados e danándose (encargado a Tragsa). “Grazas ao noso traballo de fiscalización e a nosa presión agardamos que non se perdese todo este material e que agora se poña a disposición dos concellos que, na realidade, é poñelo ao servizo de todos os lucenses da provincia”, explicou.

Antonio Ameijide recorda que no Grupo Provincial Popular “tardamos moito en acceder a esta propiedade provincial” chegando ao extremo de ter que recorrer á Valedora do Pobo porque “José Tomé denegaba a entrada” aos populares en edificios públicos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario