O IGADI e o Campus Industrial de Ferrol da UDC analizan as relacións entre China, a Unión Europea e Iberoamérica o próximo 25 de outubro

por Redacción Galicia

Farano no marco das II Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: China, Unión Europea e Iberoamérica no diálogo Oriente-Occidente” que promoven en colaboración co organismo de diplomacia pública Casa Asia

O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación acolle, o vindeiro venres 25 de outubro, a partires das 10:00 horas, as II Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: China, Unión Europea e Iberoamérica no diálogo Oriente-Occidente” que organizan o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e o Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña en colaboración co organismo de diplomacia pública Casa Asia.

As xornadas darán comezo coa conferencia telemática do embaixador da República Popular de China en España, Yao Jing. De seguido, terá lugar a mesa redonda “As Relacións Unión Europea – China – Iberoamérica” na que intervirán o presidente da Asociación Hispánica de Estudios de China, Víctor Cortizo Rodríguez; o cónsul xeral de Uruguai para Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero; o investigador do Centro de Información y Documentación Internacionales en Barcelona (Cidob), Javier Borrás Arumi; e a directora do Observatorio de Política China no IGADI, Raquel Isamara León de la Rosa. Exercerá de moderador o profesor de Dereito Internacional da Universidade da Coruña, Christoph Schreinmoser.

A maiores, na segunda mesa redonda, titulada “As relacións de Galicia coa China”, participarán o director do IGADI, Daniel González Palau, o coordinador da liña de investigación de Economía do IGADI, Diego Sande Veiga, e o xornalista e profesor da Universidad Renmin de China, Javier García Fernández, baixo a moderación da directora do Observatorio de Política China no IGADI, Raquel Isamara León de la Rosa.

As II Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: China, Unión Europea e Iberoamérica no diálogo Oriente-Occidente” están dirixidas ao alumnado do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, e abertas a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo. Máis información, enviando un correo electrónico a info@igadi.gal ou ben chamando ao 600 309 066.

Colaboración coa Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) asinaron en decembro de 2022 un Convenio de Colaboración que atinxe ámbitos variados no eido da internacionalización de interese común para as dúas entidades enfocando a súa atención no traballo do Observatorio da Política China (OPCh).

Desde o curso 2023/24, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) dispón dun espazo de seu no Edificio de Apoio ao Estudo. Deste xeito, a asociación de estudos internacionais pon ao dispor de todo o alumnado e profesorado do Campus Industrial de Ferrol e, en especial, do estudantado do grao en Relacións Internacionais que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación, un amplo fondo bibliográfico de publicacións especializadas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario