A carreira celebra os dous anos que cumpre a maior Vía Verde de Galicia, que foi percorrida no 2023 por 28.000 persoas e aspira a superar esta cifra durante 2024
A Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle acolleu este sábado a primeira edición da Carreira Camiños da Vía Verde, un evento organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración da asociación de Concellos da Vía Verde e o Club Atletismo Tambre.
Máis de 1.200 persoas participaron nas diferentes modalidades da carreira, un evento deportivo deseñado para todos os públicos e idades, xa que contou con probas desde os 10k ata carreiras para escolares e unha andaina popular de 5 quilómetros.
A saída principal tivo lugar nas inmediacións da estación do tren de Oroso-Vilacide, mentres que a meta estivo instalada na estación da Pontraga en Ordes, onde a Deputación despregou un dispositivo especial para a recepción dos corredores e a entrega dos premios, que presidiu o deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira.
Leira celebrou «a gran participación» coa que contou esta primeira carreira da Vía Verde, «o que nos anima a darlle continuidade nos vindeiros anos e a consolidala como unha máis das probas do amplo calendario de eventos deportivos que promove a Deputación».
O deputado de Deportes sinalou que a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle «é un escenario privilexiado para a promoción do deporte, que queremos seguir potenciando con novas actividades e eventos que dean a coñecer tamén o moito que temos por descubrir arredor destas antigas rutas do ferrocarril».
«Estamos executando xa as obras para conectar os tramos en funcionamento da Vía Verde con Santiago e a nosa idea é que siga crecendo, tanto en número de persoas que a percorren como en extensión nos próximos anos», sinalou.
Esta primeira Carreira Camiños da Vía Verde é unha das iniciativas que conmemora os dous anos da posta en funcionamento da infraestrutura, que é a máis extensa de Galicia. Ademais de fomentar o deporte, a intención desta acción é potenciar a difusión da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. No pasado 2023 foron unhas 28.000 as persoas que percorreron esta senda a pé ou en bicicleta, unha cifra que se busca superar neste ano.