UGT insiste na necesidade de incidir en certas reformas que melloren o funcionamento do mercado laboral

por Redacción Galicia

É crucial atallar o paro de longa duración, a parcialidade involuntaria e o problema respecto a como se distribúe o tempo de traballo.

A EPA do terceiro trimestre de 2024 rexistra un crecemento trimestral da ocupación de 23.800 persoas, un 2,1%. Tamén creceron os asalariados respecto ao segundo trimestre do ano en 25.800 persoas, o que se traduce nun incremento do 2,8%. Pola súa banda, a temporalidade aumentou 1,8 puntos, ata o 17,3%, axustándose ao comportamento estacional propio do terceiro trimestre do ano. Doutra banda, o número de persoas paradas diminuíu en 7.300, ata os 112.500. En termos xerais, os datos deste trimestre seguen reflectindo o bo comportamento do mercado de traballo, derivado da bonanza económica e do impacto favorable da reforma laboral de 2021. 

Con todo, que haxa melloras importantes no mercado laboral non significa que aínda non faga falta incidir en certas reformas que melloren o seu funcionamento e que dinamicen a creación de emprego. Para iso, é crucial atallar o aínda alto desemprego que temos, prestando especial atención a aquelas persoas que levan máis tempo desempregadas e que, por tanto, requiren de maior axuda para reincorporarse a un posto de traballo. A este respecto, un 35,6% do total de persoas desempregadas leva un ano ou máis buscando emprego. 

Para solucionar esta problemática, é imprescindible acometer unha reforma das políticas activas de emprego que garanta unha orientación laboral individualizada, cunha formación especializada e ben focalizada que sirva para aumentar a súa empregabilidade e unhas mellores ferramentas para intermediar entre oferentes e demandantes de emprego. Ademais, para que estas medidas teñan plena efectividade, é necesario aumentar os medios técnicos e os recursos humanos dos que dispoñen os servizos públicos de emprego.

Doutra banda, existe un problema tamén respecto a como se distribúe o tempo de traballo, de maneira que, mentres se incrementan as horas extraordinarias realizadas (en niveis xa moi elevados), o 42,1% da parcialidade en Galicia é involuntaria, é dicir, traballan nesta modalidade por non poder atopar un traballo a tempo completo. A parcialidade involuntaria é unha das principais causas da pobreza laboral, debido a que implica unha insuficiencia de horas anuais traballadas, polo que reducila debe ser unha prioridade nas políticas do mercado laboral. 

En definitiva, UGT-Galicia felicítase da boa marcha xeral do mercado laboral pero considera imprescindible continuar avanzando na solución dos problemas que persisten, tales como o paro de longa duración ou a parcialidade involuntaria. Só desta maneira poderase avanzar para que as persoas traballadoras teñan un nivel de vida digno, cuns salarios decentes, que poidan contribuír a que a economía española siga crecendo a bo ritmo e aumentando a produtividade. 

Radiografía da EPA en Galicia

Os datos amosan que hai en Galicia 16.100 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 1,4%) e, en relación ó segundo trimestre de 2024, hai 23.800 ocupados máis, o que supón unha subida do 2,1%.

Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,6%, fronte ó 59% do resto do Estado.

Interanualmente, o paro baixou en 6.200 persoas, o que supón o 5,2%. E, en relación ó trimestre anterior, o desemprego tamén diminuíu, un 6,1%, en 7.300 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 112.500 persoas desempregadas, no 8,8%. No caso dos homes esta taxa é do 8,6% e do 9,2% no caso das mulleres. Entre os menores de 30 anos esta sube ata o 18,9%.

Por sectores, interanualmente, o emprego mellora, na industria, cunha suba da ocupación dun 13,1% (22.100 ocupados máis), e na construción, cun incremento do 5,2% (4.100 ocupados máis). Pola contra, a ocupación baixa na agricultura e pesca, nun 2,3% (1.800 ocupados menos), e no sector servizos, nun 1% (8.300 ocupados menos).

Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube na agricultura, un 4,6% (3.300 persoas ocupadas máis); na industria, nun 6,8% (12.100 ocupados máis); e nos servizos, un 1,1% (9.000 ocupados máis). A ocupación baixa na construción, nun 0,5% (400 ocupados menos).

Hai en Galicia un total de 948.800 asalariados, subindo con respecto ó trimestre anterior en 25.800 (2,8%), e ó ano soben en 11.600 (1,2%).

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 17,3%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 1,9%. En relación ao trimestre anterior, os asalariados con contrato indefinido subiron en 1.300, o que supón un 0,2%.

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 12,4%, sendo o 42,1% da mesma de carácter involuntario.

Difícil situación para moitos fogares e 35.600 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.

Hai en Galicia un total de 38.600 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 23.500 fogares que non perciben ingresos.

Das 112.500 persoas que están no desemprego, 35.600 levan máis dun ano nesta situación.

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario