A eliminación de 22 paradas en concellos de toda Galicia sen que exista un medio de transporte alternativo centra unha nova ofensiva do BNG nas Cortes do Estado
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas nas Cortes do Estado ante a intención do Goberno de eliminar un total de 22 paradas en concellos galegos no mapa estatal de transporte colectivo. O novo anuncio, realizado polo Ministerio de Transportes, suporá a eliminación de paradas en concellos rurais que, a día de hoxe, carecen dun medio de transporte alternativo o que prexudicará a vertebración e a cohesión territorial e social. Así mesmo, a organización nacionalista exixe rectificar esta decisión e estudar conxuntamente coa Xunta as posibilidades para o mantemento e mellora do transporte nas vilas afectadas.
«O Plan do Ministerio non ten en conta as peculiaridades da Galiza que conta coa maior dispersión poboacional do Estado, circunstancia que encarece a prestación dos servizos como o transporte» sinala o deputado do BNG no Congreso. As dificultades da Galiza para vertebrar o territorio, especialmente no rural, son enormes polo que «non é aceptábel que se eliminen a maioría das paradas de vilas do rural sen alternativa de transporte».
«O Goberno do Estado debe retirar a proposta presentadab e rectificar esta decisión. Conxuntamente coa Xunta de Galiza, ademais, ten que estudar a situación de cada unha das vilas afectadas para ampliar e mellorar os servizos de transporte» reivindica Rego. Do contrario, sinala, estaríase a prexudicar a vertebración e a cohesión territorial e social da Galiza, aumentando o déficit histórico que arrastra. «Este tipo de decisións entran en contradición coa necesidade de incentivar a mobilidade sustentábel» engade.
O plan do Ministerio supón deixar sen parada de autobús e sen alternativa de transporte a vinte e dous concellos galegos. En Lugo serían A Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada e Quiroga; en Ourense afectaría a Ribadavia, Trasmiras, Riós e A Mezquita; en Pontevedra quedarían sen paradas Silleda, Lalín, Forcarei, O Porriño e Tui; e finalmente na Coruña, os concellos de Arzúa e Melide. Esta supresión de paradas afectaría a unha poboación aproximada de 136.000 persoas.
Hai dous anos, lembra o deputado nacionalista, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel presentaba o plan de recortes do mapa estatal de concesións de transporte colectivo por estrada que son competencia do Estado ligado ao anteproxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel. «Rectificou cando reincorporou no mapa a parada en Allariz e debe seguir nesa liña recuperando cada unha das vinte e dúas paradas» sentenza Néstor Rego.