O municipio de Esgos ten, desde hoxe, unha nova biblioteca co nome de «Delio Parada Carballo». Unha infraestrutura cultural moi demandada, tal e como explicou o alcalde da localidade, Mario Rodríguez, xa que a que existía ata o de agora, nos baixos do Concello, resultaba insuficiente.
Á inauguración desta singular biblioteca -construída nunha vella palloza rehabilitada cun proxecto arquitectónico de César Portela-, asistiu o presidente provincial, Luis Menor, quen recalcou que o de hoxe é «un día grande para Esgos», dado que o feito de «recuperar un espazo para convertelo nun lugar dedicado á Cultura é sempre unha boa nova. E cando ese espazo é froito da xenerosidade veciñal multiplícase o efecto desa boa noticia».
Por elo, Menor lembrou que a palloza na que se ubica hoxe a nova biblioteca foi doada por Lourdes Parada, filla de Delio Parada Carballo que lle dá nome desde hoxe a este espazo: «nada sería posible sen ese acto de xenerosidade», sinalou o presidente provincial, quen recalcou tamén que o paso seguinte, o da colaboración institucional, foi crave tamén para culminar o proxecto, para o que a Deputación aportou 100.000 euros.