O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asistiu á presentación do número monográfico Educación emocional en tempos de crise global que tivo lugar no Pazo de Montenegro, no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Pablo Rivera destacou a importancia desta revista para apoiar o benestar emocional e o desenvolvemento de habilidades sociais nun contexto de crise, así como para axudar ás persoas a afrontar situacións complexas que requiren solucións innovadoras.
Este monográfico, coordinado por María Dolores Fernández Tilve, profesora do departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e coordinadora do grupo de investigación ATALAIA, xunto con Raquel Amaya Martínez González, catedrática da Universidade de Oviedo, aborda o tema desde unha perspectiva multidisciplinar. Inclúe estudos que proporcionan bases conceptuais e ferramentas metodolóxicas para fomentar a educación emocional e promover o benestar das persoas como un dereito fundamental.