Alfonso Villares reuniuse coa Comisión mar industria da CEG para informar sobre o cambio normativo que xa está en vigor a través da Lei de medidas e que “reforzará a actividade económica e seguridade xurídica” das empresas asentadas nos peiraos galegos.
A Xunta de Galicia vén de modificar a Lei de portos para permitir ampliar os prazos de vixencia das concesións asentadas en terreos portuarios de titularidade autonómica, chegando ata os 75 anos no caso das empresas con actividade estratéxica para os portos. Este cambio normativo artellado a través da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos para 2025 foi trasladado esta mañá polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, á Confederación de Empresarios de Galicia, como principais beneficiarios potenciais da medida.
Villares, que estivo acompañado polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que á Comisión mar industria da CEG que o obxectivo principal da nova regulación, que unha vez aprobada, entraría en vigor o 1 de xaneiro de 2025, é “reforzar a actividade económica dos nosos portos e a seguridade xurídica dos concesionarios” que se asentan neles. Para elo, a nova normativa simplifica a regulacións das prórrogas das concesións en dominio público dos portos galegos e amplía os seus prazos de vixencia no caso de que se afronten investimentos de importancia.
Tal como explicou o conselleiro, o cambio normativo permitirá, en primeiro lugar, que as concesións que teñen unha relevancia estratéxica para a actividade do porto poidan ampliar o seu prazo máximo de vixencia de 50 a 75 anos sempre que apoien esta ampliación cun investimento ou achega económica proporcionada, cun mínimo de 500.000 euros. En segundo lugar posibilitará ao global das concesionarias portuarias ampliar os seus prazos de prórroga ata un 50% máis do prazo inicial, respectando en todo caso o tope máximo de 50 anos.
Esta medida redundará no incentivo á actividade económica que se desenvolve nos portos de Galicia por parte das empresas titulares de concesións administrativas que contarán con maiores garantías para os seus investimentos. Ademais, deste xeito, acompásase a normativa autonómica e a estatal para evitar que a lei galega puidese ser máis restritiva que a española.