O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu hoxe á gala da XI edición dos premios Crer no movemento veciñal da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave) celebrada no Círculo das Artes de Lugo, onde reafirmou o compromiso da Xunta cos colectivos veciñais. Precisamente por ese motivo, un dos galardóns foille concedido á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, en recoñecemento á colaboración do Goberno galego con estas entidades.
Arias lembrou que os orzamentos da Xunta reservan unha partida de 4 millóns de euros -un millón máis que este ano, o que supón un incremento do 33,3%- para as subvencións anuais dirixidas a asociacións de veciños e de mulleres rurais xunto con comunidades de usuarios de auga, no marco do Plan específico de acción comunitaria. Deste xeito, a Xunta -sinalou o delegado- dá resposta ao éxito destas axudas nos últimos anos e á elevada demanda. Ademais, recoñécese así o papel fundamental destas entidades na dinamización da vida local e na canalización das peticións da veciñanza.
A través destas axudas, a Xunta colabora cada ano coas entidades veciñais e de mulleres rurais para axudarlles a levar a cabo melloras nos seus locais sociais e dotalas do equipamento necesario co que realizar a súa actividade, así como coas comunidades de usuarios de augas en reparacións de traídas de augas. Ao abeiro deste apoio, 341 entidades veciñais da comunidade foron beneficiarias da convocatoria deste ano, 33 delas na provincia de Lugo cun investimento de máis de case 270.000 euros.
Javier Arias puxo en valor o traballo de Cogave, entidade que reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia e que ten entre os seus obxectivos prioritarios dinamizar o movemento veciñal galego, dando os servizos que as federacións confederadas demandan para garantir o mellor funcionamento e as melloras necesarias.
Cómpre engadir que a Xunta mantén con Cogave e cinco das súas federacións veciñais – Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti, Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana da Coruña, Federación de Asociacións de Veciños Roi Xordo de Ferrol, Federación de Asociacións de Veciños de Ourense Limiar, Manuel Mosquera e Federación de Asociacións de Veciños de Pontevedra Castelao– un convenio anual para apoiar o funcionamento e as actividades destes colectivos en toda Galicia. O orzamento destinado a esta medida ascende a 73.000 euros neste exercicio e supera os 790.400 euros nos últimos anos.