Comunicado do Grupo Parlamentario Socialista en relación coa comisión de investigación sobre o sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro e os contratos a dedo

por Redacción Galicia

A falta de coñecer o calendario da comisión de investigación que se fará público este venres, dende o Grupo Parlamentario Socialista queremos deixar claro que o PP leva intentando torpedear esta comisión dende o primeiro momento. As nosas sospeitas fundadas indican que están tratando de evitar a comparecencia de Feijóo, así como a de varios familiares implicados, e incluso a da parella de Ayuso. Esta actitude reflicte a incomodidade que ten sempre o Partido Popular á hora de ser fiscalizado, unha incomodidade que tamén se viu reflectida cos informes do Consello de Contas, que semellan molestalos profundamente.

O noso obxectivo, o mesmo que levamos defendendo dende hai anos, é claro: esclarecer o destino dos fondos públicos e garantir que a cidadanía galega saiba en que se emprega o seu diñeiro. Dende o PSdeG consideramos fundamental que todos os responsables comparezan para dar as explicacións oportunas.

Levamos moito tempo denunciando o sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e os contratos a dedo; agora, coa comisión en marcha, temos unha oportunidade crucial para poñer luz sobre estas prácticas. A transparencia e a responsabilidade coa xestión do diñeiro público non deberían ser un tema incómodo para ninguén, menos aínda para aqueles que gobernan.

A cidadanía galega ten dereito a saber e nós, dende o Grupo Parlamentario Socialista, manteremos o noso compromiso firme para que así sexa.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario