A Comisión de Acción Feminista do BNG de Lugo planifica accións decara ao 25N

Abordouse a necesidade de visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres.

A Comisión de Acción Feminista do BNG de Lugo reuniuse para preparar as iniciativas que se levarán a cabo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista. Durante o encontro, explica Maite Ferreiro, abordouse a “necesidade de visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres na nosa sociedade, así como de impulsar medidas concretas para frear esta lacra”.

No que vai de 2024, rexistráronse tres feminicidios, os de Fadoua Akkar, Mercedes Ríos Muñiz e Andrea Yturry Alave, que deixaron tras de si dúas crianzas orfas e unha sociedade conmocionada. Estes feminicidios 
son só a expresión máis extrema dunha realidade que se reflicte tamén en máis de 1400 ordes de afastamento, 7795 casos activos no sistema Viogen e máis de 900 delitos contra a liberdade sexual rexistrados no último ano, un 20% máis que en anos anteriores.

A Comisión de Acción Feminista alertou sobre o risco de normalizar estas cifras, favorecido polos discursos negacionistas e banalizadores promovidos por sectores conservadores e de extrema dereita. “Non podemos 
permitir que a violencia machista se asuma como algo inevitable. É unha responsabilidade colectiva, institucional e social garantir os dereitos humanos das mulleres e combater esta realidade”, destacou
Ferreiro.

Durante a reunión, a Comisión esixiu á Xunta un compromiso real para abordar con urxencia medidas tan necesarias como “reforzar a atención psicolóxica ás vítimas como parte da Atención Primaria, e ampliar e 
mellorar os Centros de Información á Muller (CIM), garantindo financiamento suficiente e persoal suficiente e 
especializado”, insiste.

No marco do 25N, o BNG de Lugo desenvolverá diferentes actividades para concienciar sobre esta problemática e mobilizar á cidadanía. Entre elas, unha charla divulgativa, onde se analizará a situación actual da violencia machista na Galiza e se propoñerán solucións para mellorar os sistemas de protección e atención ás vítimas, así como a publicación dun vídeo nas redes sociais, “co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a violencia machista e a importancia de combater os discursos negacionistas”, aclarou Ferreiro.

A Comisión de Acción Feminista expresou a súa preocupación polos retrocesos institucionais promovidos polo goberno da Xunta, como a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade ou a precarización dos 
recursos de atención ás vítimas. Fronte a estas políticas, explica Maite Ferreiro, “reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade libre de violencias machistas e animamos á veciñanza a participar nas 
actividades programadas e nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios