Sanidade enviará un sms informativo aos proxenitores de arredor de 24.000 rapaces que serán citados
A Xunta, por medio da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, vacinará á poboación infantil fronte á gripe durante a fin de semana do 30 de novembro ao 1 de decembro nos 14 hospitais de Galicia. Todos os nenos e nenas menores de cinco anos que non foran vacinados con anterioridade poderán facelo nesta fin de semana.
A tal efecto, Sanidade enviará aos proxenitores un sms informativo cun tramo de hora no que poden acudir a vacinar aos cativos.
Trátase dunha medida máis para facilitar a conciliación familiar ao tempo que se potencia a vacinación. Deste xeito, os proxenitores que non poidan acudir pola semana ao centro de saúde terán como alternativa vacinar aos seus fillos na fin de semana.
Nos sete hospitais principais, a vacinación terá lugar tanto o sábado como o domingo de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Nos sete hospitais comarcais, a vacinación será o sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
A convocatoria total no conxunto das catro provincias abrangue ao redor de 24.000 nenas e nenos.
En concreto, os lugares de vacinación serán os seguintes:
-A Coruña: Hospital Teresa Herrera,consultas rehabilitación infantil.
-Lugo: Consultas pediatría do HULA.
-Ourense: planta 0 no CHUO. Novo edificio de hospitalización.
-Pontevedra: Hospital Provincial, hospital de día pediátrico, zona de consultas.
-Santiago de Compostela: Hospital Clínico. consultas externas pediatría, andar 1.
-Vigo: Hospital Álvaro Cunqueiro, planta 0, zona de docencia.
-Ferrol: Centro de Especialidades no Hospital Arquitecto Marcide.
No que atinxe aos hospitais comarcais, os lugares de vacinación serán:
-Cee: Hospital Virxe da Xunqueira, consultas externas.
-Ribeira (Hospital de Barbanza): Consultas externas, andar 0.
-Vilagarcía de Arousa (Hospital do Salnés): consulta medicina preventiva (planta -1).
-Burela (Hospital da Mariña): área de extraccións.
-Monforte de Lemos: zona aparcamento, edificio novo, planta baixa.
-Hospital de Verín: consultas externas.
-Hospital do Barco de Valdeorras: biblioteca.
Importancia da vacinación
A Consellería de Sanidade lembra a importancia da vacinación antigripal infantil para evitar complicacións graves derivadas do padecemento da enfermidade.
A poboación infantil presenta un número moi elevado de infeccións por gripe, estimándose que en España son ata tres veces máis altas que nas persoas maiores de 65 anos e con taxas de hospitalización similares.
Os datos da campaña de vacinación do pasado ano amosan que a vacinación antigripal en poboación infantil é efectiva para evitar ao redor do 70% das hospitalizacións causadas por esta infección nas nenas e nenos de Galicia.