O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, salientou hoxe que no ano 2024 o Partido Popular de Galicia «recibiu a confianza» dos galegos e galegas e «cumpriu», e sinalou que desexa que 2025 sexa «un gran ano» tanto para a formación como para Galicia.
«Que o ano 2025 sexa un gran ano para o PPdeG, que é tanto como dicir, e para iso traballamos, un gran ano para Galicia e para todos os galegos», dixo para pechar a súa intervención Rueda ante o Comité Executivo do PPdeG, reunido hoxe por última vez este ano en Santiago de Compostela.
O líder dos populares galegos aproveitou a xuntanza para facer repaso dun 2024 «moi intenso», lembrando que nestas mesmas datas, pero doce meses atrás, tivo lugar a convocatoria das eleccións autonómicas, «para pedirlle aos galegos unha confianza que finalmente deron».
Neste sentido, agradeceu o traballo de toda a familia do PPdeG, principalmente durante a precampaña e a campaña, e fixo un recoñecemento ao Goberno galego, tanto o anterior ao «éxito» do 18 de febreiro como o posterior, que está «traballando intensamente desde entón».
«Tratábase de cumprir desde o primeiro momento, con compromisos para os 100 primeiros días que foron posibles grazas a que tivemos as cousas claras desde o minuto cero», destacou o presidente.
A
sí, lembrou que se puxo en marcha a matrícula universitaria gratuíta, unha medida pioneira en España; púxose á disposición dos emprendedores solo industrial gratuíto; impulsáronse 1.000 novas prazas de residencia; e deu inicio o obxectivo de duplicar o parque público de vivenda, entre outras medidas: «Dito e feito».
«Vemos que a xente nos segue dando a súa confianza. Séguennos pedindo que xestionemos e nos ocupemos daquilo que dixemos que iamos facer, e facémolo, sen perder o tempo en discusións nin en liortas, nin en mirarnos o embigo», abundou.
De cara aos vindeiros meses, Alfonso Rueda avogou por continuar facendo máis investimento en sanidade, en educación ou en servizos sociais; perseverando nos obxectivos en materia de vivenda; ou apoiando cada vez máis aos concellos. «Debemos seguir confiando en que Galicia sexa unha terra de oportunidades e non engurrarse fronte a ningunha presión. Se as cousas pódense facer e cumpren, non hai que deixar que as aproveiten outros», engadiu.
En definitiva, resumiu, o PPdeG é «un partido que sustenta unha acción de goberno» grazas a unha «unidade rochosa que os galegos perciben», e por ese motivo pediu «continuar gobernando con sentidiño e rigor a todos os niveis».
«
GALICIA VAI SEGUIR RECLAMANDO O QUE LLE CORRESPONDE»
Despois de acudir o pasado venres á Conferencia de Presidentes, Rueda demandou aos seus «seguir reclamando colaboración real ao resto dos gobernos», empezando polo Executivo central e Pedro Sánchez, co que ata o de agora iso non foi posible.
Segundo asegurou, a xuntanza de líderes autonómicos «non valeu absolutamente para nada»: «Só para disfrazar de multilateral o que segue a ser bilateral e para intentar ter a colaboración de todos para seguir favorecendo aos de sempre». «Pero para iso, que non conte con Galicia», deixou claro.
«En 2025 imos seguir reclamando ao Goberno central o que nos corresponde: infraestruturas fundamentais; políticas eficaces de vivenda; medidas en materia sanitaria; políticas de inmigración ordenadas e coordinadas; e a transferencia de competencias, como a de xestión do litoral. E seguiremos sendo firmes pedindo un financiamento xusto, sen parches nin negociacións parciais», concluíu.