María José Gómez salienta a importante evolución do sector lácteo galego ata converterse nunha potencia nacional

A xornada, que contou coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, serviu para analizar a eficiencia e a sostibilidade deste sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, promoveu hoxe o seminario “Eficiencia e sostibilidade en vacún de leite”, que tivo lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. A xornada foi inaugurada pola titular do departamento, María José Gómez, que puxo de relevo a importante evolución que experimentou o eido lácteo galego nos últimos 50 anos “pasando de ter unha economía de case subsistencia a ser unha auténtica potencia nacional”, froito do traballo conxunto entre sector e Administración.

En relación co apoio do Goberno autonómico, María José Gómez fixo referencia á aplicación ContaLáctea que se implementará para que, ademais de calcular os custos de produción, as explotacións poidan tomar decisións tanto por comparación coas da súa contorna como para decidir actuacións futuras.

A conselleira avanzou tamén a publicación dun novo Decreto para regular a nova estrutura e o sistema de funcionamento do Observatorio Lácteo de Galicia, que marcará “un punto de inflexión” aumentando a cantidade de información dispoñible, a transparencia e a frecuencia na publicación de datos. Todo isto, co obxectivo de dotar ao sector de ferramentas para a toma de decisións empresariais e de estratexia do mercado. Ademais, no acto inaugural interveu tamén o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso.

O seminario

Esta xornada contou coa participación do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e serviu para analizar a eficiencia e a sostibilidade do sector.

Durante a súa intervención, Juan José Cerviño remontouse á década de 1990 para facer un percorrido pola historia do sector lácteo ata chegar a actualidade. Neste sentido, analizou diversas circunstancias que repercutiron no mercado interno do leite na nosa comunidade, como as condicións económicas, o clima ou incluso os diferentes períodos da PAC, e que inflúen no sector a nivel local e internacional. En base a este tipo de análises pódense establecer conclusións sobre a evolución do sector e a súa xestión.

O seminario abordou tamén cuestións como as tendencias do sector lácteo a nivel mundial, a eficiencia das granxas en Europa, así como da nutrición, ou as innovacións que permitan incrementar a produción no gando vacún de leite. Para falar destes temas, a xornada ofreceu unha serie de relatorios a cargo de expertos internacionais.

Ademais, púxose en valor o sector lácteo galego, xa que a nosa comunidade é líder na produción láctea en España. Isto amosa a súa importancia para a economía de Galicia, dado que xera uns ingresos anuais superiores aos 1.500 millóns de euros. A maiores cómpre resaltar o esforzo que están a facer as explotacións gandeiras de vacún de leite en canto a innovación e transformación do produto, co obxectivo de valorizar o leite que se produce na comunidade.

O Goberno galego tamén colabora co sector a través de liñas de axudas específicas para o fomento da transformación e a comercialización dos seus produtos. Estas achegas, que desde 2016 beneficiaron máis de 600 proxectos empresariais -dos cales 62 corresponden á última convocatoria-, supuxeron un investimento global de 195 millóns de euros.

Neste contexto, cabe sinalar a situación de referencia que ocupa o sector lácteo en Galicia, que representa ao redor do 1,5% do PIB. A maiores, máis do 40% do leite que se produce en España é orixinaria da nosa comunidade e máis do 56% dos produtores de España están en territorio galego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios