A Xunta Reitora da UNED de Lugo destaca o crecemento histórico nas ensinanzas oficiais e aproba unha ambiciosa programación de extensión universitaria para 2024-2025

O centro reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade e o impacto social a través de proxectos innovadores e recoñecementos como o selo REDUZO do MITECO.

A Xunta Reitora do Centro Asociado da UNED en Lugo celebrou onte a súa reunión anual na sede do centro. A sesión estivo presidida polo vicerreitor adxunto de Centros Asociados, Íñigo Tejera, e contou coa asistencia da directora do centro, Ana Belén Traseira Pena; o secretario do centro; a concelleira Ana Abelleira; o deputado provincial Pablo Rivera; a alcaldesa de Viveiro; o representante do Persoal Técnico de Xestión e
Administración e Servizos (PTGAS); e a representante do profesorado titor.

Durante o encontro, a directora presentou un informe no que destacou o récord histórico na matrícula de ensinanzas oficiais na última década, alcanzando un total de 1.115 estudantes no curso actual, o que supón un crecemento do 9% respecto ao curso anterior. Este logro consolida á UNED de Lugo como un referente no Campus Noroeste e reafirma o seu compromiso cunha educación accesible e de calidade.

Así mesmo, destacou o éxito do programa UNED Sénior neste curso 2024-2025, que conta con 128 persoas inscritas nas seis materias ofertadas. Este programa, que promove o coñecemento ao longo da vida, inclúe formación en áreas como inglés, historia do cinema galego e tertulias literarias, cubrindo todas as prazas dispoñibles e reflectindo o interese crecente desta iniciativa.

En relación á programación de extensión universitaria, informouse de que o curso pasado acadou cifras de récord, consolidándose como un piar fundamental da actividade do centro. Durante a reunión, aprobouse a nova programación para o curso 2024-2025, que inclúe máis de 80 actividades, das cales 61 se desenvolverán en Lugo e o resto nas aulas de Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Foz. Esta programación abrangue temas de actualidade e relevancia social, como a crise climática, a inclusión social, a innovación tecnolóxica e a saúde mental, co obxectivo de superar os éxitos acadados previamente.

A directora salientou, ademais, os avances en sustentabilidade da UNED de Lugo, destacando a obtención, por primeira vez, do selo REDUZO do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO),
un recoñecemento ao compromiso do centro coa sustentabilidade. Tamén subliñou proxectos emblemáticos como _Centros que Deixan Pegada_ e _Comercios que Deixan Pegada_, e iniciativas de aprendizaxe-servizo como a Gran Recollida de Alimentos. Ademais, destacou a incorporación ao programa STEMBach, que reforza a aposta pola formación científica e tecnolóxica.

O encontro concluíu cun recoñecemento ao esforzo e compromiso do equipo da UNED de Lugo, que permitiu acadar estes logros e consolidar o centro como un referente educativo e social.

Comparte éste artículo
No hay comentarios