A biblioteca verde do CEIDA acolle a presentación do libro ‘Cambio climático y ecoansiedad’ de Teresa Franquesa
Este xoves, 12 de decembro, a escritora, bióloga e ambientalista catalana Teresa Franquesa, presenta o libro ‘Cambio climático y ecoansiedad: de la preocupación a la acción’ na biblioteca ambiental do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), unha obra sinxela e comprensible sobre as causas, consecuencias e posibles respostas ao cambio climático, combinando o que pasa fóra (o clima exterior) co que nos sucede dentro (o que sentimos cada un de nós nesta situación).
A palabra ecoansiedade popularizouse na última década para describir as respostas emocionais relacionadas coa crise ecolóxica, especialmente ao cambio climático. Non se trata dun trastorno, nin unha patoloxía, refírese a emocións difíciles que moitas persoas experimentamos ao ser conscientes dos problemas ambientais, unha resposta emocional normal a unha situación anormal. Afecta a persoas de todas as idades, aínda que é especialmente relevante para os xóvenes, que sinten que deberán enfrontarse ás consecuencias máis graves do cambio climático e a degradación ambiental ao longo das súas vidas.
Teresa Franquesa explora en ‘Cambio climático y ecoansiedad’ a crise climática e as emocións asociadas a ela para axudarnos a comprendelas e a enfrontalas. En lugar de permitir que a ecoansiedade nos consuma, podemos mirala de cara, interpretala, sostela, convertila en forza útil e atopar formas produtivas de responder ao desafío. Desde estratexias persoais ata accións globais, este libro suxire respostas prácticas, convidando a cada cal a asumir a súa propia responsabilidade e a participar na construción do futuro coidando da nosa casa común e de nós mesmos.
O acto de presentación terá lugar o nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros), actual sede da biblioteca e centro de documentación ambiental do CEIDA, ás 19 horas, e contará coa participación do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Pablo Meira Cartea, que manterá un diálogo coa autora.
Sobre a autora, Teresa Franquesa Codinach
Doutora en Ciencias Biolóxicas e Máster en Psicoloxía Social, a súa traxectoria profesional desenvolveuse en torno á interrelación entre as persoas e o medio ambiente, desde diversas perspectivas: a comunicación científica, a ordenación do territorio, a xestión, a planificación estratéxica e, en particular, a educación ambiental, ámbito no que é un referente, especialmente en Cataluña. Cofundadora da Sociedad Catalana de Educación Ambiental (SCEA) e activa en varias entidades ambientais, no ámbito social ofrece apoio como coach e mentora a mulleres e xóvenes.
Liderou proxectos de importante impacto como o Plan de Educación Ambiental e Voluntariado do Parc de Collserolla, a Guia de actividades Hàbitat, a Guia per fer l’Ecoauditoria del Centre Educatiu, ou o recoñecido programa Escoles + Sostenibles de Barcelona (inicialmente, A21 Escolar). Do 2000 ao 2020 traballa no Ajuntament de Barcelona impulsando a Axenda 21 (Compromís Ciutadà per la Sostenibilitat), a Xarxa d’organitzacions Barcelona + Sostenible, o Pla Clima 2030 ou o Pla Canviem pel Clima.
Ten escrito, dirixido e coordinado numerosas publicacións sobre natureza, medio ambiente e educación , así como narrativa (Materia viva, XLIV Premio Joaquim Ruyra, 2009) ou literatura infantil (coautora de Salvajes en la ciudad, Editorial Combel, 2022).
Sobre Pablo Meira Cartea
Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Premio Extraordinario de Doutoramento na Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación (1991-1992). Premio María Barbeito de Investigación Pedagóxica (2009) polo Proxecto Fénix. Diagnóstico e proceso de actualización da Estratexia Galega de Educación Ambiental. Premio José Manuel Esteve ao mellor artigo científico de contido pedagóxico (2021). Profesor na USC dende 1989, actualmente imparte a materia de Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade nos graos de Educación Social e Pedagoxía. Ten dirixido máis de 20 teses doutorais relacionadas cos ámbitos da pedagoxía social e a educación ambiental. Pertence ao grupo de investigación SEPA-interea (GI-1447) liderando diferentes proxectos e contratos de investigación no campo educativo-ambiental, principalmente relacionados coas respostas sociais e educativas á crise climática. É creador e coordinador do Proxecto Resclima (www.resclima.info).
Sobre o libro
A palabra ecoansiedade popularizouse na última década para describir as respostas emocionais relacionadas coa crise ecolóxica, especialmente ao cambio climático. Non se trata dun trastorno, nin unha patoloxía, refírese a emocións difíciles que moitas persoas experimentamos ao ser conscientes dos problemas ambientais, unha resposta emocional normal a unha situación anormal. Afecta a persoas de todas as idades, aínda que é especialmente relevante para os xóvenes, que sinten que deberán enfrontarse ás consecuencias máis graves do cambio climático e a degradación ambiental ao longo das súas vidas.
Este libro explora a crise climática e as emocións asociadas a ela para axudarnos a comprendelas e a enfrontalas. En lugar de permitir que a ecoansiedade nos consuma, podemos mirala de cara e escoitar a súa chamada para atopar formas produtivas de responder ao desafío. Desde estratexias persoais ata accións globais, este libro suxire respostas prácticas, convidando a cada cal a asumir a súa propia responsabilidade e a participar na construción do futuro. Porque aínda estamos a tempo.