Paco Cerdeira, ou Pakolas, nome co que se presenta ante o público infantil, é músico e compositor, cunha longa traxectoria neste eido profesional, sumando máis de 16 anos en diferentes bandas de música infantís. Defínese como rockeiro e guitarreiro, creando música para tódolos públicos, dende os máis miúdos ata familias ao completo, “música para todos e todas e letras axeitadas aos máis cativos e cativas”. Despois da edición dos librodiscos de “Pakolas” no ano 2017, de “Ramona Órbita a dona do tempo” en 2020, e “A Ramona pequena vai á Lúa” en 2023, e da formidable acollida por parte do público agotando a súa primeira impresión en tan só 5 meses, neste final de 2024 chega o seu cuarto traballo musical “Ecoralia a lambona ecolóxica” promovido polo CRAEGA, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica.
Este novo álbum musical contén seis novas cancións e tamén un conto, e a súa edición en formato libro físico será distribuída gratuitamente nalgunhas das bibliotecas de Galicia e tamén entre colexios. Ademais desta versión no formato editado, estará dispoñible para o público xeral de xeito dixital dende a páxina web do Craega, con descarga do Libro en formato PDF, as cancións en formato MP3 e as Unidades didácticas. As ilustracións corren a cargo do lapis e as cores de Laura Romero. A través dunha historia entretida e fermosa e da súa música rockeira, con Ecoralia como personaxe principal, os máis pequenos coñecerán a importancia de consumir alimentos ecolóxicos certificados, para coidar tanto da nosa propia saúde como da contorna que nos rodea.
A súa PRESENTACIÓN oficial será o vindeiro 13 de DECEMBRO no AUDITORIO GUSTAVO FREIRE DE LUGO, ás 10:30 h, nun evento tamén promovido polo CRAEGA e no que asistirán os escolares dos colexios da cidade de Lugo. Pakolas e Laura Romero presentarán o seu novo espectáculo ECORALIA. Dito espectáculo comezará a formar parte dos circuítos oficias de programación cultural a partir de 2025.