A Xunta convoca axudas para promover accións divulgativas e de vixilancia fluvial

por Redacción Galicia

O ‘Diario Oficial de Galicia’ publica hoxe a orde pola que se ofrecen incentivos ás entidades colaboradoras de pesca continental galegas para o ano 2025

A Xunta acaba de convocar, cun orzamento global de 50.000 euros, axudas dirixidas ás entidades colaboradoras de pesca continental para apoialas na execución de accións divulgativas e de vixilancia fluvial nos ríos da comunidade.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático á que poderán acceder, a partir de mañá e durante o prazo dun mes, as 69 asociacións de pesca na actualidade en Galicia.

A axuda poderá acadar o 100% dos gastos subvencionables, establecendo un máximo de 9.360 euros no caso de accións enmarcadas na subliña de vixilancia de tramos de pesca continental e de 2.500 euros para a promoción de actividades divulgativas ou formativas, charlas e talleres, impartidos tanto en modalidade presencial como de forma telemática.

As entidades que resulten beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 50% do importe da subvención concedida nun prazo de 10 días contados as partir do día seguinte ao da notificación da concesión.

Os obxectivos principais que busca fomentar a Xunta con este tipo de incentivos son reforzar o control, a protección e a conservación dos ríos galegos e contribuír á divulgación da importancia dunha pesca fluvial máis sustentable, especialmente entre os cativos e os mozos, co fin de asegurar a necesaria remuda xeracional. 

Esta finalidade, precisamente, tamén está recollida na Lei de pesca continental, que prevé —entre outras medidas— a creación das escolas de río para garantir a remuda pola vía da formación e da sensibilización, dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos; que os menores de 14 anos non necesiten licenza para poder practicar a pesca, sempre que os acompañe un adulto que si a teña; ou que os menores de idade e os maiores de 65 anos estean exentos de pagar as taxas para a obtención da licenza.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario