Os ‘Ecos do Nadal’ volven escoitarse no Rosal

A Coral Ecos do Folón actuará este domingo 15 ás 18.00 h no auditorio municipal acompañada pola Coral Polifónica ‘Baiona a Real’ e a Coral ‘A Cela’ de Baredo

O Nadal continúa no Rosal esta fin de semana con moita música. Este domingo 15 de decembro, o auditorio municipal será o escenario do XIV Concerto Coral ‘Ecos do Nadal’, unha das citas máis agardadas nestas datas festivas pola veciñanza. Organizado pola Coral Ecos do Folón, a actuación conta coa colaboración da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón, do Concello, da Comunidade de Montes de Santa Mariña e da Deputación de Pontevedra a través do programa Culturea.

A partir das 18.00 horas, o público poderá gozar de forma gratuíta dun espectáculo no que a Coral Ecos do Folón estará acompañada pola Coral Polifónica ‘Baiona a Real’, unha entidade creada por veciños e veciñas de Baiona en 1989 e que dende os seus inicios percorre toda Galicia e as principais cidades de Portugal co seu repertorio amplo, diverso e innovador. Contará tamén coa participación da Coral ‘A Cela’ de Baredo, tamén de Baiona.

A Coral Ecos do Folón naceu en Fornelos no ano 2012 con 17 compoñentes e foi crecendo de forma paulatina ata chegar ás máis de 30 voces mixtas coas que conta na actualidade. A coral, que participa en todos os circuítos culturais, organiza cada ano dous esperados concertos no Rosal, ‘Ecos de Verán’ e ‘Ecos de Nadal’. Neles amosa no escenario o seu variado repertorio, no que se inclúen temas tradicionais galegos, habaneiras, boleros, panxoliñas… moitos deles arranxados, compostos ou adaptados polo director da coral, Jorge Fernández.

Comparte éste artículo
No hay comentarios