A prioridade dun goberno local debería ser atender ás necesidades dos cidadáns. Porén, en Lugo, PSOE e BNG parecen ver nos problemas do día a día da veciñanza unha oportunidade para facer política en vez de esforzarse en buscar solucións. Esta semana houbo dous exemplos claros do desleixo do goberno municipal.
A Xunta inclúe nos orzamentos de 2025 unha partida de 500.000 euros para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando, un primeiro paso clave. Sorprendentemente, o goberno local, que ata o momento achegou CERO EUROS, critica a iniciativa.A
Non hai que esquecer que a anterior alcaldesa, Lara Méndez comprometeu no ano 2019 que rehabilitaría o Cuartel de San Fernando “si ou si” ben con fondos externos ou con propios. Dese compromiso nada sabemos
En 2023 prometeu captar fondos europeos: perderon 6 millóns de euros das axudas europeas e renunciaron a outra convocatoria doutros 6 millóns.
Agora, a actual alcaldesa Paula Alvarellos asegura ter un proxecto de actuación de 2 millóns de euros para a consolidación e envolvente do inmoble. Pero a única administración que pon diñeiro é a Xunta cunha partida orzamentaria con nome e apelidos para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando. A súa achega supón o 25% do orzamento do proxecto que ten o Concello.
Aparcadoiros dos institutos


A política de mobilidade no concello de Lugo de Rubén Arroxo consentida pola alcaldesa socialista, Paula Alvarellos, eliminou prazas de aparcadoiros sen dar alternativas. Estamos a falar dunha das queixas máis recorrentes na cidade de Lugo que tamén afecta ás zonas próximas dos institutos Virxe dos Ollos Grandes e Lucus Augusti, cuxos aparcadoiros se utilizaron para o debate político por parte do goberno local.
O Grupo Popular co ánimo de buscar solucións e crear un espazo de entendemento para solucionar esta problemática iniciou unha rolda de contactos coas partes implicadas: a Asociación de Veciños do Parque Rosalía de Castro e Recatelo, aos directores dos centros educativos e a Xunta de Galicia.
En setembro, a iniciativa do equipo de Elena Candia, o pleno municipal alcanzou un acordo unánime para abrir os aparcadoiros destes institutos fóra do horario lectivo. PSOE e BNG rectificaban e votaban a favor dun texto idéntico ao que tumbaran en abril.
Dous meses despois de que saíse adiante no pleno esta iniciativa a Xunta enviou unha carta á alcaldesa mostrando a súa disposición para colaborar propoñendo un convenio similar ao que xa funciona no Fogar de Santa María, xestionado pola Deputación como base para chegar a un acordo.
Para que os aparcadoiros dos institutos estean dispoñibles para a veciñanza fóra do horario lectivo, resulta fundamental establecer unha regulación que garanta a súa seguridade e o bo uso. É necesario definir normas que especifiquen a xestión, a responsabilidade da vixilancia e o mantemento durante o tempo de uso público. Este marco normativo asegurará que a proposta sexa viable e beneficiosa tanto para a comunidade educativa como para o conxunto da cidadanía.
O contraste de como traballan uns e outros partidos políticos en Lugo é evidente: o BNG utilizou este problema como arma política polemizando durante 6 anos, e o PP atopou solucións coa rapidez e capacidade de xestión.
Cando deixan de lado os intereses partidistas e se aposta polo diálogo, a veciñanza gaña. O acordo que se conseguiu en setembro para abrir fóra do horario lectivo os aparcadoiros dos institutos Virxe dos Ollos Grandes e Lucus Augusti, demostra que, con boa xestión e cooperación institucional, é posible avanzar.